A Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública, en homenaxe ao pobo de Foz

ATILANO FERNÁNDEZ VOCEIRO DA COMISIÓN FOCEGA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

A MARIÑA

03 oct 2014 . Actualizado a las 14:11 h.

A Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública convida aos veciños do concello a asistir mañá sábado, día 4 de outubro, ás 12.00 horas da mañá á concentración número 100 das celebradas na rúa Juan Montes para reclamar unha sanidade pública de calidade, sen recortes nen privatizacións, e a participar na homenaxe ao pobo de Foz pola súa constancia e os seus logros conseguidos coa súa mobilización, simbolizada na persoa de dous asistentes asiduos ás concentracións.

Para a Comisión é evidente que a especialidade de pediatría, o servizo de urxencias no centro de saúde en horario de tarde, as especialidades de odontoloxía e fisioterapia, e mesmo a creación do novo centro de saúde, son froito da loita do pobo de Foz ao longo de moitos anos, e que iso é motivo suficiente para dedicarlle esa modesta homenaxe.

Sen caer en localismos empobrecedores é difícil atopar unha loita veciñal comparable á que comezou en Foz xa na década dos 90 pola súa continuidade e polo carácter masivo dalgúns dos seus momentos.

A reclamación inicial dun servizo de urxencias as 24 horas no centro de saúde, nunca abandonada, deu paso nos últimos tempos á defensa da sanidade pública frente ás políticas de recortes e privatizacións impostas polos Gobernos central e autonómico.

O tempo que sexa necesario

A Comisión considera lexítimo e necesario que os cidadáns, exercendo os seus dereitos democráticos, saian á rúa a defender os servizos públicos cando estes se ven ameazados por políticas de gobernos que están ao servizo de intereses de grandes empresas en vez de defender os intereses das maiorías sociais. Neste sentido, afirma a súa vontade de continuar nesa loita a carón dos veciños o tempo que sexa necesario.