23 asociacións de toda A Mariña apúntanse ao programa Movémonos

e. m. BARREIROS / LA VOZ

A MARIÑA

SabelaBlanco

De ximnasia gratuíta para maiores coa Vicepresidencia da Deputación

03 sep 2014 . Actualizado a las 11:00 h.

O Vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou onte a asociacións e colectivos de toda A Mariña o programa «Mo-vémonos», unha iniciativa que promove a área de Benestar Social e Deporte da institución provincial co obxectivo de achegar a práctica do exercicio físico a toda a poboación, ao tempo que se fomenta a interrelación persoal e social.

Un total de 23 asociacións de toda a comarca participan neste programa, coas que Antonio Veiga mantivo unha reunión onte á última hora da tarde nas antigas escolas de Celeiro de Mariñaos, en Barreiros. Entre as asociacións participantes atópanse colectivos de persoas maiores como a Unión Democrática de Pensionistas Val de Miranda, da Pontenova; asociacións de carácter social como a Confederación Galega de Minusválidos da Mariña; a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, Aspanane, a Asociación Camiña de Burela ou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Viveiro.

Tamén participan nesta iniciativa asociacións de veciños de distintas parroquias da Pontenova, Barreiros, Cervo, Mondoñedo, Riotorto e Trabada. Baixo o lema «Ximnasia no rural, deporte para todos e todas» a Vicepresidencia da Deputacion pon en marcha este programa que levará dúas veces por semana ximnasia gratuíta a un cento de asociacións e colectivos sociais da Mariña e do resto da provincia.

Este programa dará comezo o vindeiro día 15 e finalizará no mes de xuño e vai dirixido a persoas maiores de concellos do rural de menos de cinco mil habitantes e a colectivos de persoas con capacidades diferentes de toda a provincia.

Dende a Deputación insisten en que este programa é gratuíto. «Con este programa -din- cubrimos unha demanda existente por parte das asociacións da Mariña e da provincia; achegar a todas as parroquias os servizos dos que dispoñen quenes viven nas cidades».

As asociacións interesadas en participar no programa Movémonos poden apuntarse aínda antes do día 15 dirixíndose ao correo electrónico deporte@deputacionlugo.org ou ben no teléfono 982-260149. Dende a Deputación animan a apuntarse e participar a todas as asociacións.