O alcalde do Valadouro pode meter a pata, pero nunca a man
A MARIÑA
Lamento profundamente que «coa que está caendo» a política municipal no Valadouro se instale da man do Sr Lamela e o PP na parcela do «todo vale».
Seguramente isto se debe á desorientación e desubicación que supón verse na oposición despois de 25 anos gobernando, nos cales practicaron reiteradamente o que hoxe critican, e non me estou a referir ao cobro de asistencias, senón a facilitar información, entre outras cousas.
O Sr. Lamela ten acceso a calquera documento do Concello, e todos os días 5 de cada mes pode acudir a consultar os rexistros, etc., etc. Todo o contrario de cando era el alcalde, que nunca facilitou os expedientes, como por exemplo o correspondente á compra dun solarcito a carón do paseo fluvial, polo que pagou 50.000 euros.
O Sr. Lamela desde que está na oposición, preocúpase soamente de atacar e facer dano ós seus rivais políticos, esquecéndose dos problemas dos cidadáns, incluso dos veciños da súa propia parroquia, onde se investiron máis de 200.000 euros nos catro kilómetros de aglomerado dende Ferreira ata Recaré, na carreteira da Deputación, que forman parte dos preto de 500.000 que eu mencionei. Eu son un home tranquilo, o fillo dun pobre, que non fixo outra cousa na miña vida que traballar e traballar. Co froito do meu traballo vou pagando o que debo, a ver si desempeño o que teño.
Aceito calquera debate político, sempre que sexa dende o respecto á dignidade e honradez das persoas, pero nunca aceptarei debates centrados nas descualificacións ou insultos.
Por unha vez e sen que sirva de precedente vou dicir que non acepto que me tilde de «pesetero» aquel que perdeu a Alcaldía do Valadouro por non rebaixarse o soldo, pois se o baixase ó que eu cobro, podería completar a lexislatura aínda que fose cun presuposto prorrogado. «Hai quen ve antes a palla no ollo alleo que a viga no propio».
Mala fe ou non se entera
Non sei si o Sr. Lamela actúa de «mala fe» ou é que non se entera da misa a medias. O artigo 75 da lei 7/1985 no seu punto 3 di, efectivamente, que os cargos con dedicación exclusiva non poder percibir asistencias, citando textualmente: «pola concorrencia efectiva as sesións dos órganos colexiados da Corporación de que formen parte».
Neste caso quen paga é o Concello de Ourol, non o de O Valadouro. NIn o Sr. Lamela nin eu somos quen de fiscalizar as contas do Concello de Ourol, a disposición do cal me puxen inmediatamente a traveso de conversación telefónica co seu 1º tenente de alcalde para depurar esta absurda e atípica situación. Se existe algunha dúbida ó respecto, o importe ingresado por Ourol, se devolve, e punto.
Aproveito para pedir desculpas ó Concello de Ourol, con o que mantemos unha magnífica relación, como bos veciños que somos e que está a dar moi bos froitos para os cidadáns de ámbolos dous concellos.
No tocante aos recursos de ámbito legal, que motivaron numerosas viaxes a Lugo aos servizos xurídicos da Deputación, (gratuítos), digo que o primeiro xa foi contra o Pleno do debate da moción de censura, o que foi condeado o PP a pagar as costas do xuízo por obrar de mala fé. Outro recurso é o da moción de censura, que está visto para sentencia.
Logo trataron de impugnar os presupostos do 2013, pero fixérono fóra de prazo, «outra gran acción de Lamela». Despois pediron a revisión de oficio. En fin, todo isto fixo necesario unha serie de informes xurídicos que fixeron perder un montón de tempo que se debería ter dedicado a solucionar problemas dos veciños, a meu modo de ver, moito más importantes.
En canto ó goberno municipal, recórdolle a Lamela que no Valadouro non existe ningún «tripartito», existe un goberno en minoría, que logra sacar os asuntos adiante grazas á súa capacidade de diálogo, algo que Lamela non soubo facer nunca. Espero que os veciños do Valadouro dean cumprida conta da actitude e méritos do Sr. Lamela no momento oportuno.