Un Mondoñedo de Cunqueiro

Abel Vigo

A MARIÑA

Fai uns días pedíronme que contase que pode sentir un mindoniense ao ler a Cunqueiro, pero fóra dunha análise literaria que por suposto me queda moi lonxe. Está claro, ao menos para min, que a resposta é tan sinxela como difícil de explicar: o que me transmite Cunqueiro é Mondoñedo. As súas xentes, as súas falas, os seus recunchos máis máxicos e as paisaxes máis fantásticas. Lendo a Cunqueiro paréceme que estou a pasear por Mondoñedo e que estou a ver xente de aquí (e acolá, como diría el), visito montes e fontes, casas e rúas, pero todo en Mondoñedo. E en ocasións en que se le dende lonxe o libro vóltase unha pequena máquina que transporta ao lector no espazo por uns momentos ao seu e noso Mondoñedo.

E pechado o libro aínda podo ver a D. Álvaro de paseo entre a xente das rúas ou das feiras ou polos arredores na vila, como eses xenios do Renacemento collendo bosquexos para darlles unha nova forma na súa arte esculpida a golpe de pluma.