Cunqueiro, como saben, foi un apaixoado sanluqueiro

Xosé Mª Palacios

A MARIÑA

Durante o 2010, no que Vigo celebrou os 200 anos da consecución do título de cidade, un xornalista amigo preguntoume se en Mondoñedo había algunha ocasión destacada para celebrar. Díxenlle que non, aínda que non estou totalmente certo de que a resposta fose correcta: se evitei algunha data de interese do noso pasado, que a memoria de don Eduardo Lence-Santar -o que sabía, segundo dixo Trapero Pardo, por que razón se colocara algunha pedra nun determinado sitio- me xulgue con benevolencia.

En calquera caso, estamos xa en vésperas sanluqueiras nun ano merecente de atención para as nosas feiras, pois As San Lucas cumpren 855 anos. E como xa todos saben, estase a celebrar o centenario de Álvaro Cunqueiro, que entre outras moitas cousas foi un apaixoado sanluqueiro, como deixou reflectido en non poucos artigos, e que aparece, montado a cabalo, nunha foto incorporada ao cartel das festas deste ano.

Falando en números redondos, non é doado sinalar como destacado que unhas feiras cumpran 855 anos: dicir que cumpren, por exemplo, 850, como ocorreu hai pouco, soa máis rotundo; e se pensamos en que non lles falta moito para os 900 anos, cifra que xa case produce vertixe ao escribila, mesmo podemos comezar unha conta atrás para o momento en que As San Lucas acaden os nove séculos de vida. E mentres Mondoñedo avanza cara ese 2056 no que as súas singulares feiras terán ese non menos singular aniversario, atoparase con outras datas -pido desculpas porque seguramente se esquecerá algunha- merecentes de interese. Velaí algunhas: 2012, 100 anos da morte de Leiras Pulpeiro: 2019, 150 do nacemento de Noriega Varela;

2026, 150 do nacemento de Lence-Santar; 2038, 200 da reconstrución do santuario dos Remedios; 2046, 800 da consagración da catedral; no 2056, ademais, 150 anos da morte de Pascual Veiga...

Non faltarán, pois, ocasións sinaladas para a historia local, aínda que un espera que polo medio haxa tamén noticias que describan un bo presente e anucien un bo futuro para os que vivimos á sombra do Padornelo. e da Pena da Roca. Por agora pensemos nestas San Lucas 2011, que un ano máis nos amosan un dos seus principais encantos: as nosas feiras teñen o privilexio da eterna xuventude.