Moito lle debemos os mindonienses a Afonso VII por ternos dado a posibilidade de organizar unha feira anual como As San Lucas: van aló máis de 800 anos, e aínda nos quedan, se cadra, outros tantos antes de plantear cambios. Pero tamén nos debe moito ese rei aos mindonienses pola intensidade coa que vivimos As San Lucas ano tras ano, con chuvia ou con sol, co día grande en domingo ou no medio da semana, con novidades no programa ou cos actos habituais.
Tanto espíritu de feira -combinación de estricta profesionalidade e de ánimo festeiro, se iso é posible- ten dado como resultado, entre outras cousas, que os mindonienses nos identifiquemos como sanluqueiros, cuestión que pode ser un privilexio -seguramente non haberá moitos casos en que un poida vencellarse cunha feira do século XII e cun espectáculo tan fermoso coma o que ofrecen As San Lucas- e que dende logo debe de ser pouco usual.
Pero todo, ata unha feira como As San Lucas, pode ter sempre algún inconveniente, e neste apartado festeiro hai un que non se pode ignorar. A pouco máis dun mes para o 18 de outubro, ¿que protagonismo poden ter as festas dos Remedios? Haberá tantas respostas como festeiros; pero ao arriba asinante, fillo ademais dunha nai chamada como a nosa patroa, parécelle que son, por varias razóns, unhas festas de escala moi humana.
En primeiro lugar, poden coincidir con festas noutras vilas próximas e ter menos xente da esperada; pero xa se sabe que na vida non sempre sae todo co grao de excelencia que nos gustaría. En segundo (e Deus me libre de criticar á comisión, á que lle desexo e desexarei sempre toda a sorte do mundo), se cadra se ve nas festas de hoxe menos xente da que había, por exemplo, 20 anos atrás; pero tamén Mondoñedo perde poboación e non por iso o queremos menos. En terceiro, hai en Galicia conxuntos urbanos e monumentais ben fermosos; pero a igrexa dos Remedios e a alameda, ¿non poden competir con calquera¿ Por suposto.
Poderá haber moitas máis razóns, comezando este ano polo novidoso concurso de cantos de taberna; e convén lembrar, dado que os mindonienses non somos un exemplo de optimismo colectivo, que para esta fin de semana hai máis previsións de bo tempo ca de chuvia.
¿Fai falta algo máis?