Doces feitos con moito cariño

ana f. cuba MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

A emprendedora e o reposteiro fan equipo en Val de Brea, Mondoñedo

20 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando o mindoniense Magín Pedreira Amado se matriculou na Escola de Hostalería de Foz súa nai, Mª de los Ángeles Amado López, preguntou se podía inscribirse. Os horarios non llo permitiron, anque nunca deixou de facer «trapalladiñas», como di ela, desde conservas ata marmelo, tartas ou cabelo de anxo. Pero a súa verdadeira vocación foi sempre de empresaria: «Dende pequena quixen ter un negocio e non din chegado a el ata que me axudou o fillo».

Magín aprendeu dende neno, gustáballe moito a repostería e mentres estivo na escola de Foz apuntábase a todas as actividades e demostracións das que lle falaban os mestres, en Santiago ou en Vilagarcía. Ao rematar, na segunda promoción, con 21 anos, empezou a dar cursos de cociña. «Meus pais, que levaban toda a súa vida traballando, compraran dúas casas no casco histórico de Mondoñedo e empezamos a facer a obra nun dos baixos. Invertiron todos os aforros na pastelería», conta, con emoción e agradecemento.

En abril de 1997 naceu a confeitería Val de Brea (recorda Magín que no século XIII Mondoñedo era Vila Maior do Val de Brea e tamén Vallibria), na rúa Bispo Sarmiento. Magín elaboraba os doces e súa nai despachaba e axudaba a fregar. «Pouco a pouco fomos aumentando; no 2000 casei e a miña muller (Natalia Piedralba) prefiriu o mundo doce que dedicarse á abogacía e decidiu quedar con nós. Hoxe temos dúas empregadas máis», explica o reposteiro. Ademais dos profesores de Foz tivo outro mestre, Antonio Gumiel Lafuente, da pastelería focense Amarena. «Era amigo noso e cliente de miña nai (xestionou durante varios anos unha plantación de fresas, que chegou a ter uns doce ferrados de superficie), eu ía velo e botáballes unha man no obrador», destaca Magín. En Val de Brea non hai unha única especialidade: «Como facemos todo con moito cariño..., gústanos moito traballar co chocolate (ás veces invitan aos escolares a debuxar letras de cacao) e tamén a masa de hojaldre, milfollas, cañas, pastelóns...», comenta.

O negocio foi ben desde o principio. «Era difícil pero a xente de Mondoñedo respondeu moi ben e hoxe tamén dos arredores, traballamos moitísimo para os restaurantes Montero de Vilalba e Peñamar, de Castropol, facémoslles case todos os banquetes». E moitas parellas que proban os seus pasteis o día da voda acaban comprando en Val de Brea.