24 horas, 365 días

José Manuel Balseiro Orol

A MARIÑA

11 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha das cuestións que

maior preocupación provoca nas xentes que traballan no mundo do mar é poder desenvolver a súa actividade coas garantías suficientes de seguridade e saúde. Malia que o mar é un medio onde o risco cero non existe, as administracións con competencias neste ámbito teñen que traballar na procura dos mellores medios de emerxencia e salvamento, capaces de actuar cando se produza calquera incidencia marítima.

Precisamente o caos e a falta de xestión do anterior Executivo autonómico e máis en concreto, no tocante aos medios materiais, como no referente ao cadro de persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, deu como resultado innumerables deficiencias e fallos nos operativos de rescate, que obrigaron non só a censurar a pasividade e falta de rigor dos responsables da extinta Consellería de Pesca, senón tamén a efectuar un compromiso, desde o PPdeG, para situar como prioridade o fortalecemento do servizo de emerxencia e salvamento marítimo.

Son múltiples as iniciativas de impulso promovidos desde o grupo popular, e por este deputado, reclamando un aumento da operatividade dos helicópteros de Gardacostas, debatidas nos concellos, no propio Parlamento de Galicia. Pero, ata que tivo lugar o cambio de goberno, sempre chocaron coa oposición de socialistas e nacionalistas, que obstaculizaron esta posibilidade, incapaces de comprender que un medio de emerxencia, para que sexa útil ten que estar sempre dispoñible. Cada minuto que se perda pode resultar dramático.

Hoxe o compromiso xa é unha realidade, polo que temos que felicitarnos. A nosa reivindicación está cumprida, e as nosas demandas, que eran eco do propio sector, son accións do novo goberno do PP. Os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 , este último con base en Celeiro, xa dispoñen dunha dobre tripulación, polo tanto, contan co persoal necesario para atender unha chamada de auxilio as 24 horas de día, os 365 días do ano, reducíndose ademais o tempo de resposta ante calquera emerxencia tan só a 10 minutos.

Desde las 00.00 horas do primeiro día de abril as tripulacións do helicóptero Pesca 2 de Celeiro realizan quendas ininterrompidas de maneira que sempre hai profesionais no hangar dispostos a sír inmediatamente ante calquer posible emerxencia. Desafortunadamente isto non significa que as mortes e os sinistros marítimos vaian a desaparecer, como sería desexable, pero si que agora existirá un sistema de resposta inmediata moito máis eficaz. Salvar unha vida non ten prezo.