Os voluntarios de Protección Civil traballan a pé de estrada e cubren a falla dun parque de bombeiros. En Xove a vocación de axuda pasou de pai a fillo
17 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Orencio Abad Martínez, veciño de Vila (A Rigueira, Xove), foi un dos fundadores, xunto con Eduardo Veiga, Emilio Romero, Eduardo Basanta «e moita xente máis», da agrupación de Protección Civil de Xove, que bautizaron como Axuda Cidadán da Mariña. «Formouse aló por 1991, daquela eu acababa de facer o curso de bombeiro, no Centro de Adestramento de Ferrol; para facer a agrupación a Xunta pedía titulacións e eu aportei o meu diploma de loita contra incendios», lembra este veterano voluntario.
Tamén colaboraron moito na posta en marcha da agrupación os radioafeccionados da zona porque daquela, sen teléfonos móbeis, as emisoras permitíanlles aos voluntarios moverse e comunicarse entre si. Orencio veu en Protección Civil un bo medio para axudar: «Era e segue sendo a miña intención». Iso que nun principio o traballo da agrupación non contaba coa valoración social de hoxe: «Cando empezamos chamábannos de todo, dicían que iamos por figurar, por dar a nota, que non sabiamos facer outra cousa». Agora hai xente que os chama ou se achega á base (no colexio de Palmeiro) para darlles as grazas.
Nos primeiros tempos, a súa labor centrábase en colaborar coa Garda Civil de Tráfico para regular a circulación ou controlar o aparcamento de coches en feiras, festas ou competicións deportivas. Tamén cooperaban cos axentes cando se producía un accidente.
O equipo de excarcelación
A experiencia veulles moi ben cando, en 1995, a agrupación xovense recibiu un equipo de excarcelación (en 1993 chegáralles o Patrol), o primeiro que había na comarca e que permitiu axilizar moito a atención a feridos (antes tiñan que vir de Lugo ou usar un equipo vello da Garda Civil). «Hai outro en Ribadeo, que veu despois, e un equipo autónomo de emerxencias, en Cervo, o que usamos cando hai que baixar un barranco ou non se accede co noso».
Atender un sinistro con feridos graves ou víctimas mortais «é fastidiado, pero alguén o ten que facer», sostén Horencio, un dos xefes de grupo de Xove (o outro é Luis Ramón Bernardo). «O que está atrapado necesita que o liberen o antes posible, moitas veces arriscámonos para gañar uns minutos», apunta. E aínda así, conta, hai quen lles reprocha se tiveron que ir á perruquería antes de saír. Tamén os chaman cando hai un incendio porque na Mariña aínda non funciona ningún parque de bombeiros, «unha vergoña», afirma Orencio.
O fillo entrou na agrupación aos 16 anos. A el tamén lle tocou e lle toca regular aparcamentos -«o problema era que había xente que aparcaba na entrada e non se podía entrar nin saír»- e voltas ciclistas. Anque era un rapaz, a camiseta de Protección Civil impoñía respeto.
Imaxes metidas na cabeza
Aos 18 Fabián sacou o título básico e hai uns seis anos obtivo o de accidentes en estrada. «Son situacións moi desagradables, moitas veces hai xente coñecida. Nos cursos explícanche que hai que ter tranquilidade, anque hai xente que non o entende. Ti sempre fas o máximo que podes, a conciencia quédache tranquila, pero hai imaxes que che quedan metidas na cabeza, e axúndanche a madurar».
Pai e fillo coñecen de primeira man os riscos das estradas -o estado do firme, unha mancha de aceite, as sementes dos eucaliptos..., todo inflúe pero sobre todo, coinciden, a velocidade-. A lección é sinxela: «Eu así non quero acabar», di Fabián.