O histórico cantautor de Ferreira do Valadouro, membro de Voces Ceibes, actuará mañán, venres, por primeira vez na súa localidade natal
08 oct 2009 . Actualizado a las 19:40 h.O cantautor mariñán Miro Casabella ten unha cita moi especial na xornada de venres de mañá. É a primeira vez que actuará na súa terra natal, en Ferreira do Valadouro, dentro dun concerto organizado pola plataforma Queremos Galego. Dase a casualidade de que o fai «despois de máis de corenta anos polos escenarios de todo o mundo», segundo explica Iván Marrube, de Queremos Galego O Valadouro.
Casabella foi un dos fundadores da nova canción galega a través de Voces Ceibes. O seu primeiro disco foi Soia, en 1966, con temas como Ti, Galiza, A bandeira ou Maria Soliña. Foi «o primeiro músico en cantar en galego despois da Guerra Civil, ate o punto de que musicou a boa parte dos poetas galegos sendo tamén o primeiro músico que despois do 36 utilizou a zanfona nos seus recitais». Este concerto tan especial será ás 21.00 na Casa da Cultura de Ferreira.
A plataforma local pretende coa cita subraiar a situación do galego, según Marrube, «ese estado de por si preocupante, como reflicten todos os estudos elaborados ate o momento, únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura».
A plataforma tamén anima aos veciños da bisbarra a participar na manifestación en prol do galego, o día 18 en Santiago. Un bus gratuito sairá de diante do restaurante O Frenazo. Chamar ao 982 140 654.