«A Queima dos Fornos é un espectáculo diferente a outros»

Y. García

A MARIÑA

Esta fin de semana A Pontenova vivirá as súas festas na honra de san Lucas

07 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Jesús Cabodevila Fernández (Santo Estebo-A Pontenova, 1967) leva xunto a Esperanza Buide Táboas o peso de organizar as festas principais da Pontenova. So dúas persoas integran esta comisión, que ten traballo dabondo. Onte el atendía ás nosas preguntas dende Navia, mentres pegaba carteis.

-Ata en Asturias os pegan. ¿Ven moito asturiano á festa?

-Tiña pensado ir hoxe (por onte) a Luarca pero está chovendo. Outros anos normalmente soen ir bastantes asturianos á festa. Este ano tamén traemos unha orquesta de Asturias.

-Parece unha tarefa dura o de ir pegando carteis aquí e aló.

-Uf! Hai que parar en moitos sitios. E ademais molleime...

-¿Cal é o presuposto deste ano, un ano marcado pola crise?

-Este ano temos uns 35.000 euros.

-¿Como hai que facer para chegar a cubrir a cifra?

-Un pouco máis da metade pode ser da recadación dentro da Pontenova e o resto de fóra. Este año fixemos chaveiros moi bonitos, cunha foto do escudo do Concello e con outra da Queima. Pedimos mil pero levamos vendidos poucos aínda.

-¿Precísase de estratexias novas para fomentar a participación económica da xente?

-Si. Porque das rifas tamén a xente cansa. Hai que buscar cousas novas.

-¿Como empeza o programa das citas festivas?

-Este venres 9 haberá unha exhibición de baile ás doce e media da noite, do grupo de variedades da academia Ritmo Lugo de Fernando Pallares, ademais da verbena con Dominó. O sábado 10 haberá partido de fútbol ás 17.30 de Segunda Autonómica GR6 entre os equipos Sporting Pontenova e SDC Xermade, máis ás 18.00 fútbol sala de Primeira Nacional A entre os equipos Superti de A Pontenova e Cidade de Narón. Despois, verbena coas orquestras Solara e os Player's e aproximadamente ás doce e media ou unha a actuación das Cantareiras de Ardebullo, Mucha e Nucha. O domingo 11 temos pasarrúas co grupo de gaitas Arrincadoira Folk de Lugo, sesión vermú coa orquestra Compostela e despois á noite verbena coa orquestra Compostela e Satélites e ás doce e media da noite aproximadamente a XII queima Piromusical Dixital Os Fornos.

-Piromusical... ¡e dixital!

-É como nos manda anunciar o pirotécnico (Pirotecnia Reiriz, que sempre fixo o espectáculo pois o xefe é natural da Pontenova). Antes non era musical pero dende hai dous ou tres anos se empezou a poñerlle música. É moi bonito, é diferente a outros porque o escenario é diferente. Cada ano cambia un pouco, por non repetir. Enche a praza. O ano pasado estivera a tope.

-¿E o último día, o luns 12?

-É cando hai a misa na Praza dos Fornos á unha e media, procesión ata a igrexa e sesión vermú coa Poceiro. Á noite hai verbena coa mesma orquestra.

-¿Que nome recibe a festa?

-Aquí son en honor a San Lucas, pero eu prefiro chamarlles as «feiras», coma antes.