O curso comezou sen problema nin unha inquedanza especial pola gripe A
25 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Xa hai unhas semanas que comezou o curso e todo parece funcionar coa normalidade doutros anos na Escola de Educación Infantil San Roque, en Viveiro. Non hai inquedanza nin entre o profesorado nin entre os pais pola tan manida gripe A, ou alomenos non máis ca outros outonos coa gripe común. Iso si, suliña o director, José Francisco Moreda, cúmprese o protocolo remitido pola Xunta de Galicia ao pé da letra, incluso cos máis pequenos, de tan só tres anos, e sen maiores complicacións.
-¿Como está sendo este inicio de curso, co tema da gripe A planeando sobre todo?
-De momento non temos ningún problema. Mandounos a Xunta, hai pouco, información para as familias e xa llela entregamos; e seguimos o protocolo, sen maior dificultade.
-¿Resultan fáciles de aplicar as normas de prevención entre nenos tan pequenos?
-É moi sinxelo e, en realidade, moitas das cousas xa as facían antes os nenos; a única diferencia é que agora secan as mans con trapos de papel e antes facíano con toalla.
-¿Cales son as normas básicas que lles explican?
-Lavarse as mans, iso o primeiro. Tamén lles explicamos que cando estornuden procuren tapar o nariz e se o fan cara ás mans, que vaian lavalas. Que non compartan nada con outros nenos, cousas ás que os maiores xa estaban afeitos.
-Iso para os maiores, pero os de tres anos, que entran na escola por primera vez...
-Os de catro e cinco anos xa estaban acostumados, son rutinas que lles inculcamos en educación infantil; cada un ten o seu vaso de auga... Os nenos seguen as cousas moi ben e aprenden moi rápido. Cos de tres anos estamos aínda en periodo de adaptación, teñen un horario diferente, deles hai que estar máis pendentes, pero xa o estabamos antes, outros anos, sen gripe A. Explicámosllelo todo coma se fora un xogo e así eles aprenden rápido as normas.
-¿Perciben inquedanza entre os pais polo tema da gripe A?
-De momento non. Dicímoslles que se levan o neno ao médico nos chamen e nos digan que lle pasa. Pero ata agora aceptárono ben, non hai inquedanza nin preocupación; supoño que cando empece a gripe (convencional) será diferente, anque penso que o que máis inflúe sodes os medios de comunicación.
-Imaxino que calquer ano, en outono ou inverno, faltan nenos pola gripe común.
-Sobre todo os de tres anos porque aínda teñen un sistema inmunitario máis deficitario.
-¿Pregúntanlles sobre o tema os propios cativos?
-Non, como tampouco ven preocupación na casa..., porque os pais están tranquilos.