Os Encontros Pedagóxicos da Mariña empezaron en Xove

La Voz

A MARIÑA

22 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Onte deu comezo no Ies Illa de Sarón de Xove a decimosétima edición dos Encontros Pedagóxicos da Mariña, organizado polo sindicato CIG-Ensino da comarca. O encargado de abrir as xornadas foi Carlos Callón, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística. Logo da conferencia ofrecida por Callón, os profesores participantes na cita comezaron a traballar nos obradoiros que elixiron levar a cabo nesta edición. Trátase do encerado dixital, fotografía, o Proxecto Ríos e a corrección dos erros máis frecuentes no uso da lingua galega. Estes catro talleres, dirixidos a educadores de toda a comarca, desenvolveranse no centro educativo xovense durante todas as tardes ata o próximo xoves. Na conferencia inaugural, o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística falou sobre a situación na que se atopa a lingua galega nos centros de ensino. Carlos Callón foi moi duro co goberno da Xunta de Galicia e lamentou a situación lingüística que, baixou o seu punto de vista, está padecendo o galego no sistema educativo. Segundo o dirixente da maior asociación cultural de Galicia, «este goberno é o primeiro de toda a autonomía que anda a patadas coa nosa lingua propia». Así mesmo, Callón afirmou que a asociación que preside «tramitou perante o Valedor do Pobo queixas por centros de ensino onde non se imparte 'nada de nada' en galego». Finalmente, reclamou que Feijoo «escoite o clamor social, exemplarizado polos presidentes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, os cales instaron a que pare esta política de crispación e retome a promoción do noso idioma», concluíu.