Patrocinado porPatrocinado por

«Espero que este encontro devolva os ánimos á pesca»

PESCA Y MARISQUEO

Agarda que esta feira permita poñer en común posturas e atopar algunha solución aos problemas pesqueiros

22 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Mercedes Rodríguez é a xerente da Organización de Productores Pesqueros de Lugo (OPP) e participa tamén no Encontro Empresarial e nas Xornadas Técnicas de Expomar.

-¿Cales son os obxectivos desta feira?

-Pois, espero, principalmente, que este encontro devolva os ánimos ao sector pesqueiro, xa que estamos atravesando un momento complicado pola crise. Pero aquí podemos ver que hai actividade, e a feira é un reflexo diso. Ademais, non é só unha feira de exposición, é tamén un punto de encontro e un momento ideal para falar e poñer en común posturas. Para iso están tamén as xornadas técnicas e o encontro empresarial.

-¿Que destaca das xornadas?

-Aínda que ás veces semella que os temas se repiten dun ano para outro, non é así. Os asuntos que se tratan están de plena actualidade. Nesta ocasión falarase de como sacar máis partido ao noso produto, a través da comercialización, e tamén se falará dos problemas que hai pola falta de relevo xeneracional.

-¿Como está agora a situación do sector pesqueiro na provincia?

-A situación actual é moi complicada, precisamente pola comercialización. Estamos enfrontándonos a grandes caídas de prezos nos nosos produtos no proceso da primeira venda. A crise afecta enormemente a este sector, ademais de pola baixada de prezos, tamén porque non hai tanta demanda, faltan compradores. Ademais, estamos vendo como os mercados se están enchendo con peixe que vén de fóra.