Os nenos e a maxia da lectura

L.?P.

A MARIÑA

O cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, contoulles a historia do libro a un grupo de alumnos de segundo de Primaria do Lois Tobío, na biblioteca pública

24 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os alumnos de segundo A e B do colexio Lois Tobío de Viveiro sumerxíronse onte na maxia dos libros e da lectura, da man do cronista oficial, Carlos Nuevo Cal. A Xunta Rectora da Biblioteca, un órgano recén constituído e integrado polo cronista, a concelleira de Cultura e representantes dos centros de ensino, impulsou esta actividade no Día do Libro. Nuevo Cal aproveitou a efeméride para transmitirlles aos máis pequenos a paixón pola lectura e por recrear mundos descoñecidos. «Que vaian collendo o gosto cando os libros están moi ameazados polos medios cibernéticos», comentou onte o tamén presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro.

A importancia da imprenta

Nuevo Cal faloulles aos cativos dos inicios da comunicación, dos alfabetos e da evolución da escritura, dende os debuxos da pintura prehistórica ata os copistas e a chegada de imprenta de tipos móviles, ideada por Gutenberg, a mediados do século XV. Ensinoulles algúns útiles curiosos como unha pluma de ganso e insisteu na expansión da cultura que supuxo o invento do ferreiro alemán. A bibliotecaria tamén lles explicou os nomes das distintas partes do libro e a clasificación que se fai deles dacordo á CDU.

A de onte pola mañá foi unha xornada enriquecedora para os nenos pero tamén para os maiores. Os pequenos descubriron a biblioteca e percorrérona, vendo os volumes nas estanterías. E ao final fixeron un debuxo sobre o día do libro, que levaron para a casa. «Son idades nas que os nenos son moi proclives a ler, nas que se lle colle o gosto á lectura», recalcou o cronista.

O acto, organizado pola concelleira de Cultura, Cachi Toral, terá continuidade, con outros rapaces. Con esta iniciativa queren fomentar a lectura e promovelo acceso á biblioteca municipal (ubicada á carón dos xulgados, ata o traslado á antiga casa do concello, na praza Maior). De feito, aos nenos entregáronlles unha ficha para que se fagan socios (é gratuito) do centro e acudan, sos ou con seus pais, de forma regular. Tamén está previsto que os estudiantes coñezan o funcionamento dunha imprenta.

Por outra banda, Nuevo Cal recalcou o xiro que se lle está empezando a dar á marcha da biblioteca pública municipal. De feito, suliñou, o ano pasado foi o primeiro en que o centro contou cunha partida específica para a compra de libros. Foi de 3.000 euros e, dixo, espera que neste exercizo se incremente.

Onte celebrouse o Día do Libro con actos en moitos concellos e centros educativos da Mariña. Foi un bo pretexto para animar aos alumnos a adentrarse nos universos literarios.