«Cando pinto son moi feliz e iso que empecei hai nada, cando me retirei»

A MARIÑA

A artista agora afincada en Santa Cruz (Oleiros) volve á súa terra natal para abrir a mostra «Luces e naturezas da Mariña» ata o vindeiro 3 de maio

21 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Ata o vindeiro día 3 de maio pode verse nas tardes de luns a domingo de 17.30 a 20.30 (domingo e mércores tamén de 11.30 a 14.00 horas) unha exposición de 25 óleos de Dora Vidal (Xuances-Xove, 1934) titulada Luces e naturezas da Mariña, na Oficina de Turismo de Xove. -Xa o ano pasado expuxera en Xove, e cun gran éxito de público. ¿Que trae na mostra nesta ocasión? -Esta é a segunda vez. Son óleos con moita natureza, cor e dentro do meu estilo. A pintura me gusta dende xoven, pero estiven traballando en Burela e so aos 63 cando me retirei funme para Oleiros, vivo en Santa Cruz, e din os primeiros pasos en belas artes e empecei a pintar. Expoño dende hai catro anos. Expuxen en Oleiros, en Burela, e Xove e tiven un cadro meu nunha exposición burelense de pintores galegos. -¿Que estilo artístico é o seu, e o cadro favorito? -Teño varios favoritos, tipo Cézanne ou tipo Van Gogh... e empecei algo máis tarde ao collage, mesturas . Pero os meus rasgos son de estilo Van Gogh, algún de Kandinsky xa en abstracta, tamén tipo bodegón, con moito colorido... O meu cadro favorito é unha montaxe marítima da costa, con moita paz. Teño outro, Luz mente, que tamén me gusta. -¿En que se inspira á hora de pintar? -Inspírome na relaxación, na paz, en transmitir sintonía de cores para a persoa que está mirando, amor, luz, moita luz e en min mesma. Como nacín na aldea, me inspiro na paisaxe, na luz, no entorno de Galicia con estes tonos otoñais ou primaverais, e tamén fago algún bodegón, pero máis alegre, quero facer a obra máis atractiva, relaxante... -¿Que lle comenta a xente que ve os seus cadros? -Voulles pedindo opinión. A xente máis xoven se tira máis ao abstracto, tipo Picasso... lles encanta. Pero a xente máis maior é dos paisaxes naturais. -¿Que lle pasa por dentro cando pinta, que sinte? -Estou moi feliz. Poño un pouco de música e íllome completamente do que me rodea. Na aldea vin moitos paisaxes e moito colorido. Me gusta a natureza porque a folla da árbore non ten que ser perfecta, o figurativo do retrato non tanto. Aínda que lle teño pintado á miña neta na praia de Muinelo un retrato que llo regalei, sempre retrato de perfil... e quedou moi bonito. Gustou moito. -¿A que se dedicou profesionalmente? -Casei aos 20 e vivín en Burela, traballando en comercio de electrodomésticos, viaxei bastante ao estranxeiro e abríuseme a mente ao non vivir sempre no mesmo sitio. Colabora o Concello.