Un século vendendo peixe

A MARIÑA

Dúas peixeiras focegas, nai e filla, precederon aos actuais Coyotes e xa van catro xeracións adicándose ao negocio do peixe fresco en Foz e arredores

11 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A focega María Antonia Martínez foi a primeira da longa saga de peixeiros de Foz coñecidos por Os Coyotes. Esta muller, bisavoa do actual responsable da empresa, empezou a vender peixe a comezos do século XX. Despois dela veu a súa filla, Cándida Pérez Martínez; e logo o neto, Teodoro García, a quen se sumou a súa muller, Concepción Rodríguez. Son os pais de Claudio García Rodríguez, que está ao fronte de Pescados Coyotes, na rúa Noriega Varela de Foz. Súa irmá Remedios tamén colabora anque rexenta outro negocio, neste caso de hostalería.

Os Coyotes foron dos poucos expendedores de peixe que había en Foz hai un século. «Daquela ían vendendo pola porta das casas», conta Remedios, que leva toda a vida oíndo falar do duro traballo que desenrolaban súa bisavoa e súa avoa. Daquela non só percorrían Foz, parroquia a parroquia, senón que se desprazaban ata o municipio chairego de Vilalba e aínda ata Lugo. «Miña avoa comentaballe a miña nai que cando ían polas parroquias de Vilalba, ao chegar ás primeiras casas, había que quitar o peso. Eu pensaba que iso quería decir que había que facer os primeiros cartos, pero non, referiase a que había que ir eliminando peixe para que o percorrido fora máis liviano», relata a neta. E é que as peixeiras cargaban coa mercancía riba da cabeza, en caixas, e tamén en carros, unhas escenas que nada teñen que ver cos furgóns de agora.

A Vilalba no «Renfe»

De Foz a Vilalba, aquelas mulleres intrépidas trasladabanse nun coche de línea, un autocar lento, ou tamén no Renfe, que eran os coches de reparto, os que facían o servizo de paquetería dun pobo a outro. María Antonia adicou a vida á venda de peixe, igual que Cándida, dende os 20 anos ata que se xubilou, aos 70. Entón colleu o relevo a nora, Concepción (o seu home, Teodoro, está retirado), que segue indo co fillo á lonxa de Burela a mercar, sempre o mellor xénero.

Os Coyotes manteñen, dende hai moitos anos, postos de peixe nos mercados de Ribadeo, a onde van cada mércores, e Foz, os martes. Ata hai pouco tamén acudían á praza de Vegadeo. E hai uns once anos abriron a peixería da rúa Noriega Varela. A clientela é fixa e fiel. Aínda así hai quen ousa preguntar se o peixe é fresco. «A xente fíase de ti porque sabe que tes boa mercancía, es de confianza, pero con todo e con iso hai clientes que che din 'mira que mo días fresco'», contan.

O verán é a época de maior actividade. Hai turistas que levan anos mercándolle peixe aos Coyotes e algúns lévano para Madrid. Por certo, ¿de onde vén iso dos Coyotes? «A meu pai -explica Remedios- apodárono O Coyote e dende entón foi o nome familiar». Súa avoa era Cándida de Gallo e súa nai é A Coyota, en Foz e nos arredores.

Á rula antes do amencer

Anque as condicións laborais mudaron moito, vender peixe non deixou de ser unha ocupación sacrificada. «Hai que ir á rula ás cinco ou ás seis da mañá, e outra vez pola tarde», apuntan. E non só iso, hai que saber mercar. «O peixe perece de contado e non podes comprar grandes cantidades, tes que sacalo rápido», constatan. Os Coyotes ofrecen peixe do día (capturado pola flota de baixura, todo na zona) e pescada do pincho. Con calidade e bo servizo encaran a competencia dos conxelados (tanto en tendas especializadas coma nos hipermercados).

Peixe no menú diario

Nun século o cambio foi radical. Agora nin sequera ulen as mans a peixe. «Antes non había nin roupas para mudarse, agora quitas o mandilón, dúchaste e xa quedas lista», suliñan. Os escamadores tamén representaron un avance. Postos a comer peixe, un ingrediente fundamental para unha dieta saúdable, á Coyota gústanlle o rodaballo, o mero e a robaliza. No tempo libre, en inverno descansa, a poder ser no sofá e cunha boa manta; e no verán, disfruta moitísimo da praia, por suposto, A Rapadoira. O seu fillo, último eslabón da saga, polo menos de momento, é aficionado ao fútbol, na tele pero tamén a pé de campo.