«A Festa da Marosa sempre tivo un compromiso de amor á terra»

A MARIÑA

A nova edición do festival burelense ofrece hoxe na súa primeira noite de música a actuación de Kepa Junquera xunto a Os Zarambeques e Sonoro Maxín

16 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Con doce anos de andaina, pódese dicir que a Festa da Marosa é xa un clásico na oferta cultural non só da Mariña senón incluso máis aló das súas fronteiras. Hoxe arranca, organizada un ano máis pola sociedade Palestina dende que acolleu ao colectivo xuvenil O Berbés que foi o que a puxo a camiñar.

-¿Como foi a evolución da Festa da Marosa nestes doce anos? En primeira persoa.

-Para min éo todo. Facemos unha ducia de anos. É coma se tiveras un cativo ao que viches nacer. Os primeiros anos o festival facíase de maneira precaria con escenario de palés e chovendo por nós. Cada ano fomos medrando, tamén o colectivo, a xente que se foi unindo á organización, a nivel económico... Este ano é o salto definitivo. Quixemos xa na décima edición facer dous días de Festa da Marosa pero tamén tivemos que repartir o orzamento en dous días. Este ano nos atopamos con boas condicións: a administración nos apoiou, o concello tamén... -¿Cal é o espírito que conserva dende o primeiro día?

-É o noso festival, é o punto de partida dos festivais deste tipo, o pistoletazo de saída doutros como Pardiñas, Moaña, Ortigueira... O que se mantén é a ilusión e nerviosismo, ese gusanillo que che pasa por dentro horas antes. Sempre tivemos un compromiso de amor á terra, ao entorno e ese espírito non se perde. Ata este ano tiñamos o lema «Goza co saber do pobo» pero este ano é «Goza co saber dos pobos» porque intentamos andar co mundo e non virarlle as costas. Burela é un pobo integrador, con xente convivindo de distintas nacionalidades. Traer artistas como Manecas Costa de Guinea Bissau e Kepa de Euskadi é unha maneira de globalizar os nosos pensamentos.

-¿Que outros artistas de luxo pasaron por este festival?

-Por exemplo Susana Seivane, Mercedes Peón, Leilía, Berrogüetto, Os Cempés, Lamatumbá, Jarbanzo Negro, Chouteira, Alberto Bundi, Os Diplomáticos, A Matraca Perversa, Batuko Tabanka... e moitísimos máis que pasaron e teñen o mesmo respecto. Nós tamén entendemos que somos un referente para os músicos. Moitos que viñeron cando case non os coñecían como Dani Bellón e Diego Maceiras ao ano seguinte triunfaron en Ortigueira. Pasounos con moitos grupos, como con Malvela, que despois saíron na televisión e se fixeron coñecidas.

-¿Cal é o orzamento?

-Arredor dos 52.000 euros.

-Este ano inclúen tamén un xesto do máis solidario.

-Sentimos unha gran admiración pola oenegé galega Implicadas/os no Desenvolvemento (IND). Fixemos cousas con elas como Implícate na Mariña, con vistas a que o proxecto seguira adiante. Este ano decidimos cobrar unha entrada na Festa da Marosa que é un grao de area (3 euros por día ou 5 polos dous) e unha porcentaxe da recadación dárllela. Teñen proxectos en Etiopía e India.

-Cobrar entrada é unha das novidades nesta edición.

-Nos condicionou a recadación para a IND e tamén o orzamento. Sen que a xente nos aportara algo non poderiamos traer un artista como Kepa Junquera. Se paga a xente por ver a Bisbal ou Chenoa 30 euros e se despraza a Coruña, ou para ver grupos que son tan respectables, ¿por que non aos músicos da Festa da Marosa? Non é unha entrada como tal. Outros anos a xente que a organizamos tivemos que poñer diñeiro. Ningún ano baixamos os brazos; agora nos veu o vento a favor pero enseguida se nos pon en contra pero temos que seguir loitando.

-Tamén organizaron actividades paralelas.

-Quixemos facer unha festa interxeneracional, con actividades para cativos, teatro, etc...