«Dou por feito que vou ser o próximo alcalde de Viveiro; se non, non me presentaría»
A MARIÑA
Entrevista | Guillermo Leal
03 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Guillermo Leal encara ás eleccións co afán de renovar, equipo e proxecto. Quere deixar claro que afronta este reto con total liberdade, que «ninguén» lle vai impor nada e que, se chega a alcaldía -«douno por feito; se non, non me presentaría nin lle pediría a ninguén que viñera conmigo»-, non vai haber continuismo respecto á etapa de César Aja -«con quen, loxicamente, vou contar, porque é amigo meu, como vou contar con moita outra xente que é moi válida dentro do partido e que ten unha experiencia que é aproveitable»-. -¿A súa pretensión? -Conseguir a alcaldía, cun equipo novo, tratar de gobernar para o pobo. E evitar a crispación, eu non teño nada contra os que están actualmente, a xente calificará o que fixeron ben ou mal. Respétoo porque é o meu deber respetar aos concidadáns de Viveiro; non as comparto e vou tentar facelas doutra forma. Que non busquen en min acritude nin insultos porque non o van conseguir. -¿Vai ir así a campaña? -É que é a miña forma de ser, nacín, crieime e penso morrer en Viveiro; e estou aquí sen ningunha pretensión. O que eu quero é que o meu pobo vaia adiante, como vexo que non está sendo así, preséntome. -A decisión foi difícil. -Moi difícil, porque non teño ningunha necesidade imperiosa de meterme nestes temas. Se es funcionario tes un colchón, pero eu xógome o meu diñeiro, o risco da miña familia, cousas que non se xogan outros. É un reto personal, co apoio da xente que mo pideu e vouno levar adiante con ilusión. -Se é elixido alcalde, ¿terá adicación exclusiva? -Non. Ao Concello voume adicar o que sexa necesario, e se tivera que abandoar a vida profesional, abandoaríaa ou encauzaríaa doutra forma. Na vida laboral estou sempre a disposición dos meus clientes e como alcalde estareino cos veciños de Viveiro. Nunca os enganarei. Non direi que podo facer algo se non podo. -Riba da mesa están a situación urbanística... -Nese tema non vou criticar, tomouse unha decisión, creo que non con mala intención, pero ao mellor carecendo dos coñecementos ou sen buscar consello en quen si os ten. É mellor esperar que tirarse á piscina e que non haxa auga. -... as infraestructuras. -Cos concellos darredor, sexan da cor que sexan, temos que buscar o ben común. Sen egoísmos. O que beneficia a un vainos beneficiar a todos.