Á vista | Citas gastronómicas Os xovenses preparan a festa do rodaballo, que se desenrolará o sábado en oito establecementos hosteleiros da localidade. No porto do Barqueiro réndese culto ao marisco mañá e pasado
06 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O mes de decembro tamén é bo tempo para as citas gastronómicas. Oito establecementos hosteleiros de Xove ultiman os preparativos da primeira festa do rodaballo, que terá lugar o sábado. Os locais participantes son A Esquina, O Refugio, A Roda, bar Pepe, bar Cociña, New-Burguer, Os Faroles e As Brétemas. Todos eles ofrecerán aos seus clientes rodaballo en distintas recetas, a partires das sete da tarde. Os hosteleiros xovenses repartirán mil kilos deste peixe, que servirán na cazola oficial da festa, incluida no prezo, 6 euros por ración. Para a organización desta actividade os empresarios do sector contan co patrocinio do Concello de Xove e da Fundación Comarcal A Mariña Occidental. Tamén colabora con eles a empresa Insuamar-Grupo Pescanova, establecida dende hai anos na praia de Lago e que está inmersa nun importante proceso de ampliación. Esta celebración súmase á do polbo, con varios anos de traxectoria en Xove. E, do outro lado da ría, no pobo coruñés de O Barqueiro, desenrolan mañá e pasado a festa do marisco, que alcanza a maioría de idade. A orquesta viveirense Variedades amenizará as dúas verbenas. Dende a unha ata as tres da mañá do venres, Luis Rial emitirá en directo dende o porto o programa A hora golfa , da Radio Galega. O xornalista Nicolás Camino lerá o pregón o sábado, á unha, antes do xantar, que costará doce euros por ración. Será na carpa. Tocarán a charanga Os Ponteses e a Banda de Ortigueira.