Emoción na Rapadoira

SUSO FERNÁNDEZ

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

08 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI sesenta anos zarpaban do noso porto as primeiras embarcacións que se aventuraban rumbo leste para a costeira do bocarte. Eran o «Delio», mandado por Antonio Ares, Quintanero, e a «Remigia», que patroneaba Pachocho; porto de destino, Laredo. De contado foron incorpora¿ndose outras unidades ata completar prácticamente toda a flota local que era, naqueles tempos, considerable. Así se iniciaba unha singladura que cada ano retiña ós nosos mariñeiros un par de meses faenando por aquelas latitudes e convivindo coas xentes do mar, que no caso especial de Laredo, chegou a crear moi fortes vínculos de afectos, que tiveron a súa motivación nunha relación de apoio mútuo e da solidaridade amosada polas xentes laredanas no diario trafego e aínda na atención dispensada ante a adversidade e as necesidades xurdidas naquela sociedade; e así deuse o caso de familias daquela vila que acolleron nos seus fogares a mariñeiros focegos enfermos e alí lles dispensaron cuidados e agarimo ata a súa total recuperación. Co tempo as circunstancias mudaron, os barcos marcharon mais hacia leste, tras do peixe, e foron logo ós portos vascos, pero na memoria colectiva de laredanos e focegos permañeceu a lembranza daquelas fermosas vivencias a tal punto que hai un tempo aquela vila dedicou a Foz unhas das súas rúas máis importantes. En xusta correspondencia, e por suxerencia do ex patrón da confraría Chemari Neira, prematuramente desaparecido, o sábado eran inauguradas as obras do malecón da praia que levará o nome de Paseo de Laredo, nun emotivo acto.