BOSQUE DE SILVA | O |
15 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.NAS primeiras décadas do século pasado funcionaban as minas de ferro de Vilaodriz. O mineral saía por tren a Ribadeo; cargábase en barcos; volvía por mar; chegaba, xa tratado, á estación da que saíra, e levábase, en carros como o do meu avó materno, aos ferreiros de Ferreiravella. Se comparamos o camiño que hoxe seguen a madeira de eucalipto cortada nos montes da Mariña ou o leite muxido nas granxas de Barreiros e Trabada, comprobaremos que as comunicacións son máis rápidas ca nos anos vinte do século pasado pero que parte da economía da Mariña segue reducida á exportación de materias primas. Pódese admitir que as decisións macroeconómicas non dependen de nós. Pero pensemos no que aínda se podería facer coas patacas, coas fabas ou coas mazás para dinamizar a economía, aínda que só sexa para xustificar todo o que se leva gastado en concentracións parcelarias.