A crúa realidade

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

01 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

LEVABAN dazaséis anos laiándose, protestando e arremetendo contra quen condeaba á bisbarra ao máis vil e inmerecido dos abandonos. Asistíalles a razón e fartaronse de repetir as mesmas mensaxes. A crítica ao contrario convertiuse no sentido da súa existencia. A forza de machacar, e grazas ao inestimable apoio de quen facía bastante menos do que tocaba, convenceron a moitos de que con eles sería distinto. Crearon expectativas e puxeron o listón moi alto, tanto que esqueceron obviedades como a de medir o que prometes porque despois terás que rendir contas dos teus incumprimentos. Nun cambio tan necesario como hixienicamente democrático, mudaron os papeis e chegaron as sorpresas. Os caladiños complacentes botáronse á rúa. ¡Ás barricadas! Con esa consigna, puidemos ver a alcaldes manifestándose diante dunha planta de recollida de lixo. Tamén descobremos que saber reclamar, coa ilexítima urxencia de quen tivo tempo e oportunidade de facer o que agora lle esixe aos demáis. Tan de súpeto coma os anteriores, os protestóns empezaron a calar, a desmovilizar e incluso a xustificar o que criticaron durante anos. Copiando tácticas, optaron por maquillar a realidade, por narcotizala recurrindo as mesmas estratexias que tanto denostaban nos rivais. No medio de todos eles, nós. Cidadáns de a pé que agardábamos ese novo xeito de facer política que tan ben sonaba cando o vendían. Dos que xa non están non se esperaba moito porque os seus feitos falaban por eles. Si ben é certo que aínda non tiveron tempo, que hai que deixarlles recuperar ese marxe de maniobra hipotecado polos que se foron, a confianza depositada nos novos semella conducir ao gran fiasco. A vía de alta capacidade e a variante de Viveiro, que tanto reivindicaron, retrasanna para despois do 2009. Gobernos locais finxen comprender as desfeitas urbanísticas que tanto criticaron. A ampliación e os novos equipamentos do hospital, cen veces esixidos, fican arrinconados no limbo das listas de espera. As solucións ao abastecemento de auga para Cervo e Burela demorannas con disfraces increíbles. Os novos parques empresariais quédanse en anuncios sen datas concretas. Resta ver que pasará coas urxencias médicas en Foz e con outras moitas promesas... Co firme desexo de que enmenden a plana para errar neste diagnóstico, sería imperdoable que a crúa realidade fixera verdade o dito de que outros virán que bo te farán.