Por amor a Ribadeo

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

12 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI VARIOS anos, un grupo de alumnos dun instituto de Ribadeo -daquela Instituto de Bacharelato número un, hoxe IES Dionisio Gamallo Fierros- publicaron un libro no que se ofrece una pequena síntese dos personaxes que dan nome a rúas da vila. Case todos son ribadenses, de nacemento ou de adopción, e unha clara mostra da rica historia local. Se hoxe se reeditase o libro, habería que engadir nomes que non estaban daquela -Pancho Maseda, Luz Pozo Garza, Daniel Cortezón e Dionisio Gamallo Fierros-, o cal amosa que Ribadeo rende homenaxe aos seus veciños e que a vila medra nestes tempos. Semella lóxico, pois, que Ribadeo vaia ter cronista oficial, unha figura que é simbólica pero que por esa razón resulta case necesaria. Hai un Ribadeo cunha expansión urbanística que ofrece sombras e luces e cunhas expectativas que chegan con máis lentitude ca noutras vilas -velaí o polígono e a circunvalación-, pero hai tamén un Ribadeo alleo á actualidade cotiá que a moitos nos resulta imprescindible. Unha vila que permite sorpresas como a de baixar pola zona vella e atopar a capela da Atalaia e praceres como o ambiente que se ve nas súas rúas necesita alguén que a describa con amor para que cada vez a queiran máis.