A TRIBUNA | O |
28 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SE OS poetas teñen razón, as nosas vidas son os ríos que van ao mar, que é a morte; e se tomamos as imaxes da poesía como modelo para situacións concretas, poucos textos poderán reflectir mellor ca ese a relación de Mondoñedo con Foz, dous concellos unidos polo Masma. O mar de Foz pódese ollar desde varios sitios de Mondoñedo cando a luz do día nolo permite: se imos a Folgueirarrasa, vemos un anaco azul que semella un xogo de cores do ceo; se subimos ao Padornelo ou á Cruz da Cancela, atopamos unha paisaxe ampla que ofrece, como outros lugares da Mariña, atractivos contrastes de montaña e de costa. Queda claro que Mondoñedo e Foz están unidos, pero non soamente polo accidente xeográfico-poético que é un río como o Masma senón máis ben polo contacto cotián e pola forza que dá a calor humana: pensemos, por exemplo, nas mulleres focegas que ían vender o peixe a Mondoñedo, nos mindonienses que pasaban parte do verán en Foz cando á Mariña aínda non chegara o turismo, na rivalidade futbolística de hai anos ou nas noites de copas e de ligues na Sala ou na Xógara. Non sorprende, pois, que Foz dedicase este ano o seu maratón de lectura a Álvaro Cunqueiro e ao Merlín e familia , porque era tamén o mar que vían ao lonxe os que ían visitar a Merlín á súa casa de Esmelle na procura das súas sabedorías e prodixios. Só queda desexar que a iniciativa se repita outros anos e que se lea Se o vello Sinbad volvese ás illas : se imaxinamos un pouco, tamén podemos supoñer que o vello mariñeiro tiña ataques de melancolía cando lembraba os días en que saía ao mar desde A Espiñeira.