Pescando un futuro

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

09 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

TRAXEDIAS COMO a do Sempre Casina lémbrannos o protagonismo do mar na Mariña. Case todos podemos aceptar que nin a economía nin a sociedade da comarca serían o mesmo sen ese elemento, que une ás familias de aquí coas dos recén chegados na ledicia e na dor. Porén o que xa non se entende é esa actitude urbanística consistente en planificar o crecemento das vilas mariñeirasde costas ao mar: e semella que é algo máis ca unha moda, porque nalgunhas zonas de chalés xa se fai difícil ver o mar. ¿Non son estraños costumes nunha comarca que quere promocionarse como alternativa aos destinos masificados? En días pasados, mentres se vivía a angustia polos mariñeiros desaparecidos, comentouse tamén a necesidade de inmigrantes que se observa hoxe: non o dixo ningún revolucionario nun mitin, nin un candidato disposto a conseguir votos por enriba de todo, senón que así se recolle nun comunicado do Bispado de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Gea Escolano (La Voz de Galicia, 25 de febreiro). Dunha traxedia coma esa pódense tirar, pois, consecuencias sobre os medios de salvamento e sobre o interese dos políticos polo sufrimento dos cidadáns, pero tamén sobre o tipo de sociedade, impensable xa sen inmigrantes, que necesitamos e queremos para o futuro da Mariña. E se falamos do futuro da comarca, ¿teñen os concellos algo que dicir neste asunto ou abóndalles co ping pong dialéctico que practican sobre os temas de sempre? ¿Vai a sociedade por un lado e a clase política por outro?