Auga bendita

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

28 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

AQUEL VERÁN era deses de puro inferno. Sol doente. ¡Qué calor! Nin as noites daban tregua. Daquela o aire acondicionador e os ventiladores éranche cousa de cidades. Na aldea aínda a pedra semellaba afogar. Campos secos secos. Os grifos en folga de silenzo. Á fonte da Tella faltáballe pouco para pingar. O pozo da casa si lograba resistirse a tremenda sequía. Pero non se podía mirar todo o día para o ceo. A terra laiaba. Unha noite, na Braxa o ceo tornou primeiro laranxa, despois do color do sangue. ¡Lume, lume...! Berraban os veciños. Lembraban o seu suor no monte, o futuro da aldea, mentres corrían para aló, sen durmir, sen cear. Caldeiros e caldeiros fixeron falla para combatir a besta. Medraba a súa fame. Bulía cara as primeiras casas. Pero foi vencida. Pero atrais quedaron terras desfeitas e o medo no corpo. Aquelas laparadas seguen na memoria. Por iso sorprende que o parque de bombeiros de Barreiros siga sendo un mero edificio ou que non haxa personal profesional. Este vran o ceo foi xeneroso aquí. Choveu e o tempo foi morno. Pero non se pode estar toda a vida pendente da auga bendita. Mirar máis para a terra, menos para o ceo.