A TRIBUNA | O |
02 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.AQUELA música que crearon os negros dos estados esclavistas do Sur -Alabama, Louisiana, Georgia- mentres traballaban nas plantacións de algodón... Aqueles blues de Bessie Smith, o gospel que inmortalizou Mahalia Jackson, e as baladas que debullaba a desgarradora voz de Billie Holliday... Que embarcara nun vapor fluvial, Mississippi arriba e abaixo, para ser popularizada por Boca de saco (en inglés Satchmo , alcume de Louis Armstrong). Aquela música que naceu para escoitar cos pés e non coa cabeza, porque se tocaba para bailar -«A única música que perdurará do século XX», augurou o clásico Stravinski- e que sería agradecida cos negros da África americana, axudándolles a soportar a angustia da escravitude... O jazz, en fin, está de festa. O Concello de Viveiro iniciou en Covas e Celeiro a feliz iniciativa de Música na rúa, unha ocasión de espallar o campo da verbena polos barrios, posibilitando escoitar a compositores xa consolidados coma Manuel Amor, desfrutar dos deliciosos Cool Hamster, ou dándolle a alternativa á xuventude rockeira. Unha experiencia enriquecedora, porque sacar da casa aos veciños, atraídos pola ledicia da festa á porta e a curiosidade da innovación, supón escapar da Telepeste que nos atufa, familiarizar o barrio e gañar a noite -«Quen perde a noite perde media vida, di Kirk Douglas nun filme de balas e bailes»- con Chick Corea na Atalaia ou Frank Sinatra no paseo de Covas. Agosto e o Concello de Viveiro brindan, coas festas patronais que comezaron este sábado, a ocasión de xuntar na rúa ao veciño co turista, mariñeiros e funcionarios, o neno que non para un minuto e a avoa que lle soa algo ao lonxe... Tal vez, aquela música que naceu da improvisación e para a liberdade. Polo mísero xornal de comida e choza.