A TRIBUNA | O |
12 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A MEDIADOS dos 70 apareceu en Celeiro un clan familiar de inmigrantes que se asentou durante dúas décadas no porto, chegando, logo de tres xeracións, a formar unha pequena colonia. Vivían unidos en tódolos ámbitos, incluido o deportivo (Lucho xa fora co Club del Mar campión das Rías Altas de fútbol; Marcelo militou no Xove-Lago, e competirían cun equipo familiar, Os Chilenos, en cáseque tódolos maratóns da A Mariña). O fundador da prole fora un celeirense. A historia empezara cando O Larelo -alcume polo que era coñecida a súa familia- cumpría o servicio militar nun barco da armada na Guerra Civil. O buque, republicano, ante o cariz que tomaba o desenlace da contenda, desertou e atracou na Hendaia francesa, convertendo á tripulación en refuxiados de guerra. Era 1939, e o poeta Pablo Neruda desempeñaba o cargo de cónsul para a emigración española en París. Acudiu ao peirao de Trompeloup, (porto veciño de Burdeos) e alí, en contra da decisión do Presidente de Chile -Aguirre Cerda- fletou un barco (o Winnipeg ) que cargou con máis de 2.000 exiliados. Un deles chamábase O Larelo. Recoñecinno a finais dos 70 na Atalaia (semellaba apacentar o fogar: sempre ergueito á porta da súa casa e tirando dun pitillo), cando atrevinme a entrarlle cunha imbecilidade de pregunta: -¿Usted recuerda quién le ayudó a salir de España? -¿A don Pablo? -sorriu engurrándoselle o rostro tabacoso- ¡Cómo no voy a acordarme de aquel grandullón que nos cogía el dedo para firmar más aprisa el visado de embarque! Onte cumpríronse cen anos do nacemento do poeta, un centenario que se está a converter non en recoñecemento, senón en agradecemento: quen vende 1.700.000 exemplares (cifra inédita en poesía) antes de recibir o Nóbel debe ser un xenio, pero, ademáis, Neruda era un corazón oceánico. ¡Como non acordarse daquel grandullón que nos collía da man..!