A TRIBUNA | O |
07 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A TELEVISIÓN PERMITE que todo o mundo sexa famoso cinco minutos, e hai expresións que tamén adquiren moita difusión nunha curta vida. Se hoxe se fixese unha clasificación de expresións repetidas, quizais «Europa dos pobos» estaría nos primeiros postos. A frase, por suposto, soa ben. Falar dos estados queda mal, porque se poden identificar coa burocracia, cos impostos ou coas moitas guerras que enfrontaron ás grandes potencias europeas en séculos pasados. A un, sen embargo, gustaríalle máis que se falase da Europa dos europeos, porque lle parece que iso de pobo é unha expresión algo abstracta e moi querida polos réximes totalitarios. ¿Cal é a Europa dos pobos? ¿Cal é o pobo galego? ¿Só son galegos os que levan vivindo durante varias xeracións máis aquí de Pedrafita? ¿Non o son, con dereitos e deberes coma calquera, os caboverdianos residentes en Burela? Estes días fálase moito da Europa dos pobos e doutras ideas solemnes; pero sería interesante que despois das elecións do domingo se lembrasen todos os problemas que nos han seguir afectando, como pobo, como cidadáns ou como bebedores de auga mineral.