Xogando con Cunqueiro

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

20 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTÁN INVITADOS a un xogo que consiste en establecer percorridos entre persoas facendo semellanzas ou descubrindo vencellos entre elas. A primeira proposta é saber cómo se chega de Cunqueiro a Cervantes. A primeira vía vai polo camiño dos libros. No prólogo do Quijote cítase a un bispo de Mondoñedo, que non era outro que Frei Antonio de Guevara, un escritor que tivo moita sona no século XVI e polo que sentía admiración literaria Cunqueiro. E cabe imaxinar -non esquezamos que isto é un xogo- que esa mención do bispo foi unha cita que axudou a promocionar Mondoñedo antes de Internet, das tartas e de Cunqueiro. A segunda vía tamén segue o camiño dos libros, pero adaptado ás novas técnicas. O Instituto Cervantes incorporou o ano pasado a Cunqueiro á lista de escritores que teñen unha exposición propia en Internet. A terceira vía é máis persoal. O novo responsable do Instituto Cervantes é César Antonio Molina, gran coñecedor de Cunqueiro e autor de imprescindibles recompilacións de artigos xornalísticos seus. Deixemos o xogo. Un cre que o Cervantes pode servir para divulgar a obra de autores galegos, cataláns ou vascos que escribiron en castelán.