A cultura no autobús

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

04 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ORGANIZAR ACTIVIDADES CULTURAIS pode ser máis agradable que asumir outras tarefas que os Concellos deben cubrir a cotío, ou iso pensa un. O que xa resulta indubidable é que permiten vivir situacións que non se imaxinan noutros ámbitos. Antonte, na presentación das xornadas de arqueoloxía, o alcalde de de Mondoñedo, Luis Rego, lembrou que o ano pasado, durante a viaxe a un dos castros que se ían visitar, comprobara ata qué punto as actividades culturais poden interesar á xente: o conductor do autobús no que viaxaban os asistentes díxolle que lle gustaban esas actividades porque lle permitían aprender cousas novas. Calquera que acuda a esas xornadas comprobará que entre os asistentes hai xoves universitarios pero tamén persoas de máis idade que amosan curiosidade por estes asuntos, algo non moi habitual. Quizais chegue un día, moi desexado polo Concello mindoniense, no que a riqueza prehistórica se converta nunha actividade turística de eficaces consecuencias económicas. Pero a un parécelle tan importante que os cidadáns de Mondoñedo vaian coñecendo e valorando o amplo patrimonio histórico e artístico do seu municipio.