LA TRIBUNA | O |
23 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.POUCOS ASUNTOS OCUPAN tanto interese dos poderes públicos, tantas conferencias de prensa e tantas declaracións de boas intencións coma o turismo, sector que producirá, mesmo en tempos secularizados coma estes, algo semellante ó milagre dos pans e dos peixes en forma de investimentos públicos e beneficios privados. O exemplo máis recente está na intención de traballar xuntos que anunciaron antonte os Concellos de Ribadeo, Castropol e Oscos-Eo, aínda que a un, sen cuestionar a boa vontade dos que anunciaron a medida, quédanlle dúas dúbidas: ¿non se puido facer antes? ¿pasarase das palabras ós feitos? Os planes de dinamización de Ribadeo, Castropol e os Concellos de Oscos-Eo son unha boa oportunidade para divulgar os alicientes das dúas beiras do Eo e mesmo doutras zonas próximas. ¿Pódese pensar nalgunha medida de promoción conxunta máis alá das festas gastronómicas? ¿Pensa alguén que unha vez construída a autovía as actuais distancias entre as vilas, xa pequenas, han ser ridículas? Por exemplo, que os Concello de Mondoñedo acadase o obxectivo da construcción dun parador nos Picos ou que unha cadena hostaleira se instalase no Occidente de Asturias terían indubidables consecuencias nuns cen quilómetros, usando como referencia a actual N-634. ¿Estamos preparados para pensar e actuar por enriba de certas fronteiras?