A TRIBUNA | O |
19 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.SE ALGÚN LECTOR dos xornais é pesimista e prefire pensar que as boas noticias non son noticia, os labregos poden ser para el un poderoso argumento. Calquera que adoite ler as informacións vencelladas co sector agrario terá un coñecememto bastante exacto dos problemas do prezo do leite ou das consecuencias da ola de calor nas granxas, pero non das marabillas do agro. A algún quizais se lle ocorra pensar que o campo ten unha mala saúde de ferro, unha capacidade de metabolismo suficiente para soportar os devanditos problemas e outros máis; sen embargo, un cre que será mellor traballar para que o campo produza boas noticias. Por exemplo, que Ribadeo e Castropol organicen unha feira de horta como a de mañá ten a vantaxe de que se fala do campo por unha novidade, non por unha situación de crise que se repite ou que aparece por primeira vez. Non se poden esquecer cuestións como o envellecemento da poboación ou a falta de valor engadido dos productos de horta, pero tampouco sería conveniente ignorar as posibilidades que dan os fondos europeos. ¿Chegará un día en que as informacións do campo sexan esperadas con interese polos optimistas?