A TRIBUNA | O |
02 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A CLAVE DEBE de estar no pasado, porque doutra maneira non se entende esta abundancia de festas dedicadas ó pasado, esta exaltación de tempos idos que de súpeto se teñen convertido nun paraíso colectivo. Se o importante é pasalo ben, moitos argumentos son bos e rexeitan calquera tópico sobre as tradicións seculares: o mercado medieval de Mondoñedo xurdiu hai once anos e consegue tanta participación popular como se tivese décadas de existencia. Se o básico é atopar principios, un non ten ningunha dúbida en preferir a figura de Martin Luther King cá de Pardo de Cela malia ser moi posterior. Este verán fixéronse novas excavacións no castro de Taramundi, mentres que en Mondoñedo aínda durarán ata setembro. Os traballos, polo que din os seus responsables, serviron e serven para comprobar a presencia romana na comarca. Velaí o valor do pasado: para os historiadores é un motivo de interese, e para o sector público e o privado, unha nova vía para o turismo. E se o pasado é realmente importante, ¿non poden os Concellos de Ribadeo e de Mondoñedo sinalizar os lugares onde estiveron as portas das súas murallas medievais?