Xeografía para políticos

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

16 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

UN GRUPO DE alumnos do IES Dionisio Gamallo Fierros fixeron, hai días, un percorrido polo casco antigo de Ribadeo, no que localizaron as portas da muralla medieval. Se algún gobernante recollese o contido da súa excursión, poderíase pensar en sinalizar eses lugares, o cal sería interesante para veciños e forasteiros. Non sei se alumnos de Mondoñedo fixeron algunha vez un percorrido semellante, aínda que para sinalizar as portas da muralla medieval mindoniense abonda con consultar planos reproducidos en varias obras recentes. Velaí dúas propostas que a un lle parecen doadas e máis ben baratas, sobre todo comparadas con investimentos habituais en iniciativas consideradas culturais. A cultura necesita diñeiro, pero tamén curiosidade para afastarse do guión habitual. E como chega a fin de semana, é un bo día para que candidatos e electores atopen un descanso entre eslóganes e mítines. Por exemplo, a agrupación Francisco Lanza entrega unha guía de rutas ós que compren libros galegos en Ribadeo, unha boa ocasión para coñecermos novos lugares que moitas veces descobren antes os de fóra.