A Galicia inexistente

X.M.PALACIOS

A MARIÑA

LA TRIBUNA

03 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI XA VARIAS semanas, falando das vacacións que o secretario xeral do PSOE estaba a piques de comezar, nun informativo de televisión díxose que Zapatero pasaría uns días en Porto do Son, na provincia de Pontevedra. Quizais, para algúns, sexa outra mostra do descoñecemento co que se fala dos asuntos galegos, unha tese que sería boa se Galicia non colaborase con repetidos exemplos nesa situación. Cando hai eleccións ou se analizan certas situacións como a crise demográfica, fálase dos diferentes comportamentos de Pontevedra e A Coruña, a Galicia costeira, fronte a Lugo e Ourense, a Galicia interior, como se os mariñeiros de Burela fosen de ciencia ficción, e as praias de Barreiros, un decorado de cartón pedra. Pódese pensar tamén, por exemplo, na atención informativa que se lles dá ás estradas, autovías e autoestradas da Galicia supostamente costeira con cuestións como a conexión con Asturias e co resto do Cantábrico. Espero que cando chegue o tren de alta ou altísima velocidade a tódalas cidades que reclaman unha estación, nós xa poidamos pedir que nos poñan, polo menos, unha liña de Renfe. ¿Ou será unha esaxeración?