Baldomero Iglesias, gañador do terceiro Premio de Poesía Prados Ledesma «Os mellores poemas son os que quedan por escribir», di Baldomero Iglesias, «Mero», gañador da terceira edición do premio de poesía Prados Ledesma, convocado polo Concello de Viveiro. «Na lonxitude do tempo», a obra premiada fala de outonos, «porque eu noto que caduco cando chega o outono», e baixo esa perspectiva escribiu Mero os seus poemas, «e non teñen por qué ser tristes, tamén son ledos, combaten os medos e atrapan os ensoños». É unha vez máis o sentimento atrapado no poder da palabra.
25 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Nos tempos no que unha imaxe da televisión parece ter máis poder que mil palabras, a poesía de Mero Iglesias parece unha illa solitaria chea de promesas por descubrir. Así o considerou o xurado do Prados Ledesma, cando lle otorgou a sua obra o primeiro premio desta edición. - Na lonxitude do tempo é un título moi evocador... - A min, quen me marca o paso do tempo, o final dos ciclos anuais, son os outonos; noto de que caen follas, de que caduco, e canda a min os meus, cando chega o outono. E así son os poemas, pasadoiros do tempo que non teñen porque ser tristes, tamén son ledos, combaten os medos, atrapan os ensoños e que, en definitiva, é o vento quen os vai levar, non sabemos onde. E así vas a dimensións novas, a ese futuro ignorado e descoñecido que é o que sempre nos asusta, pero ó que temos que chegar, si é que chegamos. A filosofía do poema ven sendo esto. Ademáis eu teño unha teima cos reloxios, e prefería referir o tempo coma ese espacio de outonos, e outonos...