«A miña función é seguir facendo o mesmo, pero agora teño maior responsabilidade»

La Voz

A MARIÑA

Suso Fernández é o primeiro cronista oficial na historia do Concello de Foz Suso Fernández, primeiro cronista oficial na historia do Concello de Foz, recibiu ese nomeamento o domingo e onte falou en Onda Cero A Mariña da nova etapa que acaba de empezar. Considera que ser elixido para ocupar ese cargo é «unha honra excepcional» e explicou que a partir de agora seguirá facendo a mesma laboura que sempre, pero con unha maior responsabilidade. Suso Fernández non recibirá nada por parte do Concello a cambio de desempeñar este novo cargo, pero síntese compensado por ser o elixido e por darlle a posibilidade de traballar polo desenrolo do municipio focense.

14 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

BENI MÁNTARAS FOZ Suso Fernández amósase satisfeito e agradecido. -O domingo foi histórico para Foz. ¿E para vostede? -Para Foz, en canto que é a primeira ocasión en que se nomea un cronista oficial e non ten precedente na historia do noso pobo. Para min é unha honra excepcional que se fixasen na miña persoa para tal cargo. Non teño máis que palabras de gratitude para todos. -O acto foi multitudinario, con focenses e tamén con xente doutros lugares. -Si, efectivamente. Houbo amigos de boa parte da Mariña e incluso de Asturias. Foi un acto de boa vontade, porque non había connotacións partidistas nin doutro tipo. -¿Cal vai ser a súa laboura a partir de agora? -Os meus amigos dinme que non cambie de ritmo, que siga co que veño facendo dende fai anos. Eu estou dacordo. O que ocurre é que agora estou investido dunha oficialidade e a responsabilidade é maior. Entón, cando faga algo eu, non o vai facer Suso Fernández senón o cronista oficial de Foz. Seguiréi polo camiño que teño trazado, pero incidindo máis en determinadas cuestións, non só do pasado de Foz, senón tamén na actualidade e na visión de futuro do meu pobo.