POUCA NOSTALXIA

La Voz

A MARIÑA

X. MARÍA PALACIOS CONTRAPUNTO

27 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

No primeiro tercio do século pasado meu avó materno ía da Pontenova a Riotorto para fornecer de materiais indispensables a moita xente, con mercadorías que cambiaban segundo os días: ferro para os ferreiros de Ferreiravella, viño para as tabernas de Santa Marta ou das Rodrigas. Daquela non había estrada, e debíase tardar horas nunha viaxe que un coche fai hoxe en menos de media hora. Non moi lonxe desas datas están os días en que dous nenos, Álvaro e Carmiña Cunqueiro, ían de Mondoñedo a Riotorto, á casa duns parentes de súa nai, a cabalo. Coma no caso de meu avó, un traxecto que daquela levaba horas hoxe necesita menos de vintecinco minutos. E tamén, todo hai que dicilo, dúas excursións moi aconsellables, cunha paisaxe na que aínda se ven árbores que non son eucaliptos. Son pequenos trazos que amosan grandes cambios. As vidas de Josefa Pardo e doutros moitos amosan que cen anos poden ser máis ben o paso da Idade Media ó século XXI, e reflecten que calquera tempo pasado é mellor agora, cando o lembramos ou o imaxinamos peneirado pola nostalxia ou pola simpatía.