FORO PÚBLICO
09 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Ésta é unha resposta a un alcalde que difama. Viña eu tan satisfeito de cumprir coa obriga de declararme a Facenda e de sopetón atópome na edición de onte do xornal La Voz de Galicia cunha parte da miña biografía que descoñecía por completo: «hace pocos años andaba cerrando comercios y rompiendo escaparates...». O autor de tan singular aportación ó meu curriculum era nada máis e nada menos que o alcalde de Viveiro que, seguramente á volta dunha copiosa cena en la capital del reino, onde exerce de cenador, atopouse coa dura realidade: un grupo político -¡vade retro!- compartira mesa e ideas coas asociacións representantivas do comercio. Viña eu, insisto, de contribuir coa Facenda e, xúroo, sen decatarme de que ao meu paso polas vellas rúas do casco vello os comerciantes pechaban desconfiados con mil candados os seus comercios. E un, de parvo, pensando que pechaban por propia vontade!. Despois, o meu alcalde-biógrafo-non-autorizado había darme coa súa declaración nos fuciños: eu era un clausurador de comercios e o terror dos trinques. Viña eu, por fin, seguro de que os comerciantes da miña vila serían quen de dar un paso máis no camiño de recuperar para todos o casco vello, confiado porque coidaba que a proposta do BNG podería server para abrir -ou reabrir- o debate necesario e atópome cun alcalde que difama aos que propoñen algo, descalifica as propostas que se fan con carácter constructivo e fala de aberracións, botando a perder unha boa ocasión para exercer como alcalde de Viveiro, limitándose a recibir as propostas e facilitando o seu debate na Corporación. Viña eu, pois, disposto a contribuir ao debate das ideas para mellorar a nosa vila e portanto ao benestar no noso Concello e atópome coa reacción dun individuo que minte sen nengún tipo de escrúpulos. Veña, alcalde, demostre todo o que di, que é moi grave, ou cale. Francisco Luis Rodríguez Guerreiro.