Todo ocorreu na pequena vila termal de Carro de Rodas.
Xan era un neno alegre, curtido nas experiencias vividas nas rúas, prazas e fermosos parques de Carro de Rodas.
Xan era o meu querido e admirado amigo da infancia feliz, nunha pequena aldea, onde todos os veciños eramos como unha familia.
Carro de Rodas tiña un pequeno e acolledor balneario, a el acudían as «mantidas», mulleres humildes das zonas rurais que viñan tomar as augas no verán á vila e hospedábanse nas casas dalgúns veciños.
Unha tarde agarimosa e morna do verán, Xan e mais eu argallamos o que imos considerar como unha falcatruada de rapaces. Roubamos un calacú na horta do cura. Baleirámolo e fixémoslle uns ocos a xeito de ollos, nariz e boca. Xan e mais eu axudabamos na parroquia, alí roubamos unha veliña e uns mistos. Puxemos a vela acesa dentro do calacú, que colocamos deste xeito enriba dun valado que había fronte á igrexa, pola rúa que utilizaban as mantidas ao regresar do balneario á noitiña. Nós agochámonos para observar o calacú (que parecía unha caveira) e o efecto que causaría nas pobres mantidas. Estas ao tal ver, fuxiron de alí berrando como almas en pena.
Uns días despois, soubemos na parroquia, cando íamos axudar á misa, que unhas mantidas encargáranlle ao cura unhas misas para aplacar os espíritos ou as almiñas do Purgatorio. Xan e mais eu non sabiamos que facer nesa misa ao axudar o cura, se rir a esgalla ou calar e gardar a compostura para non ser descubertos, isto último fixemos para disimular. Pero á saída, xa cando estabamos no parque ao fresquiño da beira do río, non deixabamos de rir ata escachar!
Xermán Manuel Torres. Xubilado. 65 anos. Pontevedra.