Un «Diluvio» das Tanxugueiras para un verán incandescente

Gala Dacosta Diehl

AL SOL

O terceiro disco das Tanxugueiras fai referencia ao episodio bíblico do mesmo nome

30 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este é o verán das Tanxugueiras. Deixando de lado os concertos polo resto da xeografía española, en Galicia poderemos velas en máis dunha decena de lugares diferentes, moitos deles con entrada de balde. Estarán nas festas do Albariño o 2 de agosto, en Catoira o 5, no SonRías o 6, no Festival Noroeste o 12, en Cedeira o 17, o 26 na Illa de Arousa, en Vilalba o 30, en Allariz o 3 de setembro, no Revenidas o día 7, en Vilaboa o 16 e en Oia, por último, o 17 de setembro.

«Diluvio» pódese adquirir desde hoxe en plataformas dixitais e tendas físicas. O terceiro disco das Tanxugueiras fai referencia ao episodio bíblico do mesmo nome. Tiña que ter saído no 2021, pero tal e como explican dende o grupo, polo medio aconteceu o Benidorm Fest e nese momento cambiou todo.

O tema forma parte do novo álbum, aínda que xa levan tempo soando moitas cancións como Figa. O público por fin pode coñecer o verdadeiro significado de cada un dos sinxelos que foron saíndo nos últimos meses e nos tiñan en vilo, os pecados e as aprendizaxes que se agochan tras eles nun percorrido desde a tormenta até a quietude.

É un disco conceptual que propón unha viaxe de autocoñecemento. As Tanxugueiras falan agora de aprendizaxe vital, de identidade e fortaleza. Misturan ritmos urbanos coa música tradicional, algo que levamos vendo un tempo nestas artistas que parecen ter xa un estilo más ca definido.

Malia que xa está nas plataformas dende as doce da noite do pasado xoves, o disco en formato físico é unha edición de luxo, cun libreto de vinte e catro páxinas nos que elas mesmas explican as cancións, as aprendizaxes e ademais hai numerosas e coidadas ilustracións. O instrumento principal é a voz de Aida Tarrío, Sabela e Olaia Maneiro, pero tamén se poden aprezar os sintetizadores e samplers propios da música urbana.

Este é un disco conceptual, pechado e circular. A narración está fiada dende o inicio, que comeza cunha Treboada, e remata co momento de calma posterior, culminando co tema Acougo. Polo medio, a través da música lévanos por unha viaxe de autocoñecemento onde están presentes os 7 «pecados capitais orixinais», que Tanxugueiras transforma en aprendizaxes, e outros tres que elas consideran de relevancia, pois están presentes na sociedade.

O videoclip do tema Fame e Odio, que xa pode verse en Youtube, fala de liberación feminina, un asunto moi presente en toda a súa discografía. Desta vez aparece cunha proposta diferente, dende unha perspectiva actual, puramente galega e introduce frases para recordar, como «Onde manda patroa, mariñeiro non vale nada» e «Por todas as miñas curvas mando eu».