Unha actividade filantrópica que foi intensa a comezos do século XX e da que aínda se ven pegadas

La Voz

LUGO

07 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Emigrar a inicios do s-XX era o destino da xente nova do rural. O futuro confiábase ás «Américas». Os que quedaban confiaban nos que marchaban, porque na fortuna dos idos estaba a prosperidade da casa e da parroquia.

Na comarca de Vilalba, despois de 1907, puxéronse en marcha as sociedades habaneiras, integradas por parroquianos, con destino a sufragar gastos de auténtica necesidade social: cemiterios, amaños de igrexas, hospital,... e sobre todo, escolas. Obras comunitarias que as autoridades da época non atendían, que se outorgaron pola magnificencia dos que marcharan e coas que se facía unión entre a veciñanza. Pero cómpre lembrarmos que as sociedades atendían tamén a solidariedade dos seus integrantes porque o destino non era igual para todos e debíase previr a enfermidade, a falta de traballo ou a mala fortuna.

En definitiva, foron os americanos os que mostraron hai cen anos como os grupos, sendo unidos, poden facer fronte a obras que favorecen a comunidade e que reforzan o sentimento de pertenza social.

Repasando os nomes que se repiten unha e outra vez nos documentos da época e que se gardan na memoria das casas da comarca, atopamos nomes e retratos que deberan ser inscritos en laudas en sinal de agradecemento polo que fixeron e por seren exemplo de xeracións futuras. Lembramos, por exemplo, aos irmáns Pardo Villarino, os López Arias, o incansable Cosme Sacido, López Carpintero, Cuba Restrebada, Antonio Mª Souto, Ramón Díaz... E, como non, Pedro Miragaya quen non só impulsou a sociedade de Tardade e Distriz na súa xuventude, senón que corenta anos máis tarde agasallou ós escolares destas parroquias cunha biblioteca completa; porque os libros son depósito de verdade, manancial de ilustración, arquivo de ensino e fonte de cultura.

Parroquias como Santaballacelebraron en anos pasados actos de homenaxe á sociedade fundada por emigrantes en Cuba a comezos do século XX.