Tardade reúne mañá a ex alumnos da escola, impulsada polos emigrantes
07 ago 2009 . Actualizado a las 11:52 h.Cando en 1916 o capitán Manuel Pena Vidal tomou a iniciativa de construír un local digno para escolas das parroquias de Tardade e Distriz, a situación dos edificios escolares era lamentable. Na prensa e nos escritos da época cualifícanse de lamentables, faltos das mínimas condicións hixiénicas e de salubridade, sen ventilación ou que non servían nin para cortellos. Exemplo do anterior, onde poñían escola os mestres nacionais, eran os locais de Tardade e Distriz: infames.
Para lograr espazos dignos onde se aprendese e ensinase, o logo coronel Pena fai un chamamento ós seus amigos «americanos». Un primeiro grupo deles, con Agustín López Arias ó seu fronte, realizan a primeira contribución de 990 ptas. Máis tarde organizouse na Habana a sociedade que canalizaría os esforzos, as máis das veces anónimos, dos fillos das dúas parroquias: «Hijos de Tardad y Distriz», porque na unión e na solidariedade dos seus naturais estaba a forza. Seguramente nun principio non debían ser máis de vinte e cinco ou trinta asociados, pero o entusiasmo era tal que lograrían facer importantes aportacións económicas.
Como noutras parroquias da comarca, os veciños contribuirían con madeira, pedra e co traballo de balde. Todo para un traballo de solidariedade parroquial. O destino ben merecía o esforzo: a educación e a instrución dos pequenos, dos membros da comunidade do futuro. Houbo tamén contribucións económicas de negociantes de Vilalba, de párrocos, de veciños, de amigos,... na medida das posibilidades do tempo. Sempre baixo a perspectiva dun axioma ben coñecido: canto maior sexa a educación e a instrución, maior será a posibilidade de progreso económico que a persoa, de adulta, poderá lograr.
E así foi como sete anos despois, en 1923, a escola era unha sólida realidade. Os nenos tiñan local digno para ir á escola.
Material pedagóxico
Logo veu o proceso de encher as aulas con materiais pedagóxicos axeitados. A este labor non foi alleo Evaristo Cuena, mestre nacional con praza en propiedade en Tardade desde 1920. Desde alí, en 1928, vémolo ocupándose da situación da educación nun artigo publicado no Heraldo de Villalba . Afirma que chegaron os tempos nos que a xente é consciente de que a afirmación da personalidade é susceptible de perfección pola educación e instrución. Os modernos edificios, as escolas dignas, tiñan que ser lugares tranquilos onde se cultivase «a nosa fala vernácula» e tiñan que ser o nexo que enlazase a civilización coetánea co brillar dunha Galicia opulenta «hoxe desgraciadamente case esquecida e descoñecida».
Un ano despois será o xornalista Luís Bello, quen percorreu as escolas de toda España para denunciar a situación de abandono no que estaba somerxido o ensino, sobre todo nas zonas rurais, o que cite a escola de Tardade como exemplo de magnifica escola de «americanos» e Evaristo Cuena como mestre a imitar,... porque tiña libros!
Xantar
Para lembrar os tempos en que funcionaba a escola, nos tempos dos habaneiros e máis tarde, en Tardade celébrase mañá unha xornada de amizade. O acto principal é un xantar, previsto para as tres da tarde no antigo campo de recreo da escola, situada preto da estrada Vilalba-Momán.