A carballeira de Mosteiro será de novo o lugar elixido para a celebración
20 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O alcalde de Pol, Lino Rodríguez, e os integrantes da comisión de festas da vila, Aurelio López e José Blanco, presentaron onte os actos do 25 aniversario da Festa ao Emigrante.
Os festexos darán comezo o sábado 23 coa Festa á Xuventude. A partir das 22.00 horas os acordeonistas de Pol, un grupo de arpistas de Vigo, a cantante Lucía Pérez e Anxo Lorenzo e a súa banda de folk, amenizarán a boa parte da noite. Do mesmo xeito, e mantendo a tradición, a altas horas da madrugada realizarase a tirada, de 12 foguetes e medio, en honor a cada unha das 19 parroquias que conforman o Concello.
O domingo 24, día da Festa ao Emigrante, os actos comezarán a primeiras horas da mañá cun pasarúas da man da charanga Os Centellas. As 13.30 horas a carballeira de Mosteiro será tamén o lugar elixido para a recepción ás autoridades tales como a presidenta en funcións da Deputación, Lara Méndez.
Trala misa campestre e a lectura do pregón da man de José Ramón Ónega, levarase a cabo o descubrimento da placa e do monumento do 25 aniversario da festa. Momento no que estarán presentes os fundadores e tamén organizadores da primeira das celebracións: Pablo Pérez, Jesús Trigo, Arcadio Vingalea, José Antonio Braianova, Félix Ledón, Umberto Paz, José Luis Tellado e Javier Balado.
Ás 15.00 horas, terá lugar nas inmediacións da carballeira o xantar rústico para o que xa hai apuntadas máis de 1400 persoas, segundo confirmou o alcalde de Pol. A maiores, todos os asistentes poderán degustar de forma gratuíta dunha paella elaborada polos veciños e organizadores do evento.
Os grupos Duende Sico, as pandereteiras Limagoia e a charanga Os Festicultores, acompañaran aos asistentes dende as 17.00 horas atas as 19.30, momento no que se celebrará unha gran queimada.
Para rematar a noite, veciños, turistas e emigrantes disfrutarán do «man a man» entre as orquestras Tabú e Hollywood. No descanso, farase entrega dos premios do concurso «O Submarino».
A maiores, salientar que durante toda a xornada do domingo, estarán instaladas nas inmediacións da carballeira varias mesas de polbo da man dos irmáns Maciñeiros, para as que non é necesario realizar unha reserva previa. Ademais, pola tarde o Concello mantén en funcionamento do campamento infantil.