«A sinalización turística da provincia é un desastre»

Benigno Lázare

LUGO

A vicepresidenta terceira da Deputación marcouse como obxectivo conseguir a unificación na promoción de Lugo, territorio moi desestruturado nese terreo

03 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

De María Xosé Vega dependen varias áreas que están ou que necesitan un proceso de transformación. Algún dos máis importantes servizos sociais está sendo traspasado á Xunta; a entidade provincial tamén se terá que desfacer dos hospitais e o turismo precisa dun proceso de integración para evitar que os reinos de taifas vaian cada un por seu lado.

-Hai poucos meses foi presentado o Plano Director de Turismo. ¿En que fase de execución está?

-O plano de turismo está feito para catro anos, e o primeiro que fixemos foi gastar uns meses para analizar e definir as liñas de actuación neses catro anos.

-¿Cal foi o resultado desa análise?

-No aspecto institucional chegamos á conclusión de que é necesario representar aos concellos, que a maioría non teñen capacidade para deseñar políticas turísticas por si mesmos. A función da Deputación é colaborar cos concellos, nomeadamente con aqueles que teñen máis atractivo turístico que, polo tanto, reciben máis xente, tanto na imaxe promocional, como no mantemento das oficinas, na representación en certames turísticos e na edición de guías e folletos que unifiquen á provincia e escapar da proliferación que hai.

-¿E no referente ao sector privado?

-Nese caso chegamos á conclusión de que hai de todo e temos que aproveitar para mellorar a calidade. De nada sirve que nós fagamos campañas promocionais da provincia e que cando veñan os turistas comproben que hai un servizo deficiente, que non hai maneira de chegar aos sitios ou que non están ben atendidos. Cremos que hai outra liña de colaboración co sector importantísima que abarca a formación, facilitar documentación e mellorar as sinais porque a sinalización turística da provincia é un desastre.

-Lugo ten uns recursos turísticos naturais moi ricos e diversos, pero entre as tres grandes áreas xeográficas non hai moita coordinación. ¿Como se pode conseguir?

-Seguramente se debe a extensión xeográfica, pero é certo que a capital ten un papel importantísimo e no resto non hai ningún polo equiparable como pode haber nas provincias de A Coruña ou Pontevedra. En Lugo todo está moi diluído, sen outro núcleo que sobresaia claramente. Cecais, pode destacar A Mariña pola importancia dos portos e de algunha industria. Iso tamén provoca que haxa pouca relación entre os polos de referencia que hai na provincia. Desde o punto de vista turístico queremos que todo o que fagamos sexa conxuntamente, co cal estaremos vinculando e unindo, e nesa liña vai o logotipo presentado esta mesma semana, co que aspiramos a que todos os alcaldes e todos os sectores implicados se sintan identificados con esta imaxe e profesión. Na mesma liña van outras iniciativas como as campañas de intercambio para que as persoas que residen nunha comarca coñezan as outras.

-Hai un exemplo dese desentendemento: a día de hoxe, nalgún plano do Concello de Lugo seguen sen figurar os museos da Deputación. ¿Os alcaldes están dispostos a colaborar?

-Na promoción do turismo, como en moitas outras cousas, hai que ter claro que traballar conxuntamente é ganar todos, e ir por separado é perder todos. Crear falsos localismos ou falsos protagonismos tanto por parte da Deputación como de un ou varios concellos, carece de sentido. Temos un exemplo claro na Ribeira Sacra, que é unha zona na que o viño provocou unión e creou conciencia de territorio por enriba dos concellos. Ao marxe de como funcionen, a creación de entes como os consorcios, de varios concellos, creo que é a mellor experiencia.

-¿As fundacións comarcais puidéronse aproveitar para o turismo?

-As que queiran poden seguir, e de feito a da Ribeira Sacra parece que vai continuar. Pero creo que hai que fuxir da proliferación de moitos entes actuando sobre o mesmo e nun mesmo territorio.