Na coñecida gruta da Pobra do Brollón documentouse por primeira vez en España a presenza do musgo luminoso, unha especie sumamente escasa en todo o mundo
29 oct 2010 . Actualizado a las 14:43 h.A Cova das Choias, no municipio da Pobra do Brollón, é ben coñecida por ser unha das paraxes naturais máis singulares da comarca de Lemos. Son numerosos os afeciconados ao sendeirismo ou á espeleoloxía que visitan esta espectacular cavidade natural que foi explotada como mina de ferro entre os séculos XVI e XVII. Menos coñecido é o feito de que o musgo que tapiza as paredes desta gruta -conferíndolle un aspecto característico a este espazo- pertence a unha especie extremadamente rara. Trátase do chamado musgo luminoso ( Schistostega pennata ), cuxa presenza só está documentada nuns quince lugares en toda a Península Ibérica.
A colonia de Schistostega pennata da Cova das Choias ofrece ademais un especial interese histórico polo feito de ser a primeira de España que apareceu citada nunha publicación científica. A noticia débese ao botánico Antonio Casares, quen nunha nota publicada en 1921 no Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural , mencionou exemplares recollidos nesta cova polo investigador Fermín Bescansa.
Unha parte importante das outras poboacións coñecidas deste musgo encóntranse tamén en territorio galego. Un estudo publicado en 1994 por Juan Reinoso Franco, Juan Rodríguez Oubiña e Carmen Viera Benítez indica a existencia doutras colonias en Pedrafita do Cebreiro, Xestido (Abadín), Sabón (Arteixo) e Baiona. Posteriormente tense sinalado tamén a súa presenza no castro de Viladonga, no municipio de Castro de Rei. Fóra de Galicia, esta especie ten sido catalogada así mesmo en diversas localidades de Asturias, Guipúscoa, Navarra e Portugal. Encóntrase tamén -sempre en pequenas poboacións ailladas- en determinados zonas de Europa, Siberia, China, Xapón e Norteamérica.
Debido á súa escaseza e fraxilidade, o musgo luminoso figura nos catálogos oficiais galegos e españois de especies en perigo de extinción e, en consecuencia, beneficíase das medidas protectoras que se aplican a todas as variedades vexetais que se encontran na mesma situación.