A mobilización dos gandeiros ten un amplo apoio do comercio

LEMOS

Os comerciantes e hostaleiros de Taboada e Carballedo mostraron a súa disposición a secundar a mobilización que se levará a cabo hoxe en Chantada co obxectivo de reclamar medidas de apoio para o sector lácteo, segundo comunicaron onte os representantes locais de Unións Agrarias, unha das formacións sindicais que participan nesta iniciativa. O centro comercial urbano (CCU) e asociación de empresarios de Chantada xa manifestaron en días pasados o seu apoio á mobilización. Polo contrario, a directiva do CCU de Monforte non fixo ningunha recomendación aos seus socios sobre este asunto porque aínda non recibiu ningunha solicitude a este respecto, segundo explicaron os seus responsables. En cambio, a sección monfortina da Confederación de Empresarios Lucenses (CEL) si recibiu unha petición e xa recomendou a todos aos seus asociados que pechen hoxe seus negocios entre as doce do mediodía e as dúas da tarde, ao igual que se fará na comarca de Chantada mentres se leva a cabo a manifestación.

O presidente do CCU monfortino, Germán Vázquez, sinala que o organismo que encabeza «non ten moi claro o que facer, porque para tomar unha decisión sobre este tipo de cousas hai que consultar o parecer dos asociados e aínda non o fixemos porque ninguén se puxo contacto con nós para pedir que apoiásemos esa mobilización».

O secretario de Unións Agrarias na zona sur, Mariano López Nieves, expresou por outro lado o agradecemento da súa formación sindical a todos as asociacións e empresas da zona que se comprometeron a apoiar a manifestación de Chantada pechando os seus establecimientos ou expresando a súa solidariedade mediante carteis. «Incluso os negocios de Escairón estaban dispostos a pechar, pero xa lles comunicanos que no seu caso non é necesario, porque nesa localidade é día de feira e pechar durante un par de horas pode resultar inconveniente nun día de moita afluencia de clientes», explicou.

Percorrido

A manifestación de Chantada que se levará a cabo ao mesmo tempo que outras mobilizacións do mesmo tipo en todas as cabeceiras de comarca das zonas gandeiras, seguirá o programa que se adiantou en días pasados. A marcha comezará ás doce do mediodía na Alameda, perto do mercado gandeiro, e discorrerá pola rúa Xoán XXIII, a praza de Santa Ana e a avenida de Catro Camiños, para terminar na praza do Cantón. Neste lugar lerase un manifesto asinado conxuntamente por Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores e a Asociación Galega de Cooperativas.

As organizacións convocantes, segundo apuntou López Nieves, confían en que haxa unha elevada participación na manifestación e un apoio importante por parte do sector empresarial e comercial, principalmente nos municipios da comarca chantadina onde gandería do sector lácteo ten un peso determinante na actividade económica e no índice de emprego.