Pinto e Cobiñas van á abordaxe

M. Costoya REDACCION/LA VOZ.

TELEVISIÓN

Os protagonistas de «Para mariñeiros, nós» convértense durante catro episodios en piratas

20 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Pinto e Cobiñas rescatan o traxe dos seus antepasados e abandonan a súa tasca preferida para lanzarse ao mar, o seu medio preferido. V Televisión programa hoxe o primeiro dos capítulos de Para mariñeiros, nós (20.50 horas) nos que os seus protagonistas se converten en piratas.

«Había tempo que tiñamos a idea de facelo, pero vendo as inxustizas que se fan en Somalia, decidimos levalo a cabo», sinala Omar Rabuñal, guionista desta ficción. Pinto e Cobiñas contan cunha tripulación de luxo nesta nova etapa. Xunto a eles están O Zapateiro, Aurelio, Ramiro o Cego e o tío Pío. Embarcan en Cormoriñas (localidade ficticia onde se desenvolve a trama) a bordo de O Teimudo. O obxectivo non é outro que facer xustiza pola súa conta e evitar a invasión de negociantes sen escrúpulos no seu espazo marítimo.

«Hai abordaxes e rescates a náufragos, coma a Paco Jones (Tonhito de Poi), que aparecerá no medio do mar», sinala Suso Lista (Pinto), o capitán desta singradura, na que non faltarán a ironía e o humor habituais nesta serie que se programa antes do Informativo da noite de V Televisión.

«Pasámolo moi ben facendo estes episodios nos que se implicaron moita xente do pobo Todo o mundo parábase a mirar. Espero que lles guste moito», detalla Suso Lista, quen lembra que Corme foi unha terra de piratas e tamén de grandes navegantes. «O tema daría para unha gran película, pero iso é outra historia».

Nestes episodios, Para mariñeiros, nós abandona o seu habitual lugar de gravación para percorrer o litoral desta localidade da Costa da Morte, na Coruña, onde se rodaron os episodios desta ficción consolidada na franxa nocturna desde o arranque de V Televisión, o pasado mes de maio.

O equipo da serie non quere desvelar o contido das tramas destas entregas, ás que regresa Tonhito de Poi interpretando a Paco Jones, un persoeiro que terá máis protagonismo nos seguintes episodios.